CRTVG

Buscar

O Goberno presenta as contas para 2022, das que di que son "as da recuperación xusta"

Publicado o 07/10/2021 12:39

Foto: EFE/Zipi

O Goberno aprobou este martes o anteproxecto de Lei de presupostos xerais do Estado (PXE) de 2022, que segundo o Executivo son os máis expansivos da democracia española, e destinarán 6 de cada 10 euros a gasto social, poñendo o foco nos mozos.

Na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros extraordinario no que se lles deu luz verde, a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, destacou, que o obxectivo destes orzamentos é "abordar unha recuperación xusta, impulsando un modelo máis produtivo e sostible e garantindo que a mellora económica chegue ao conxunto da sociedade".

Montero lembrou que o límite de gasto non financeiro, coñecido como teito de gasto, do orzamento do Estado para 2022, mantense nos 196.142 millóns de euros, na liña coa cifra rexistrada un ano antes, incluíndo transferencias extraordinarias ás comunidades autónomas e Seguridade Social e parte dos fondos europeos. En concreto, incluiranse un total de 27.633 millóns correspondentes aos fondos europeos.

As pensións mínimas e o ingreso mínimo vital subirán o 3 %

As pensións mínimas e non contributivas subirán un 3 % en 2022, do mesmo xeito que o ingreso mínimo vital (IMV), segundo recolle o proxecto de presupostos.

Segundo detallou María Jesús Montero, o gasto social nestes orzamentos superará os 240.000 millóns, o 59,8 % do total das contas públicas. "Seis de cada dez euros do orzamento nacional van a gasto social", subliñou Montero.

As pensións, cuxa partida total sobe un 4,8 % con 10 millóns de pensionistas, supoñerán 171.165 millóns de gasto.

A reforma das pensións, en trámite parlamentario, contempla que as pensións suban de acordo á media da inflación de novembro a novembro, polo que aínda faltaría o dato deste próximo mes aínda que a alza será superior ao 2 %.

Nesa partida de gasto social, a política de vivenda meda nun 33,9 %, en servizos sociais un 20,3 %, e en pensións un 4,8 por cento. Baixa o gasto en desemprego, un 10,2 %, debido a mellora da situación laboral, e na compra de vacinas, un 51,9 %.

Tamén descende un 4,7 por cento o gasto en xuros da debéda. María Jesús Montero tamén destacou o incremento dos investimentos, un 8,6 %.

Nun 2 % queda a suba do salario dos funcionarios e o IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) que serve para calcular axudas e prestacións subirá o 2,5 %.

A recadación tributaria crecerá un 8,1 % 

O proxecto orzamentario de 2022 prevé que a recadación tributaria creza un 8,1 % con respecto a 2021, unha "estimación prudente" segundo a ministra de Facenda, María Jesús Montero. En total será a cifra récord de 231.251 millóns de euros.

Montero avanzou que a recadación tributaria xa crecerá este ano un 10,8 % con respecto a 2020, un repunte que alcanza o 13,5 % se se inclúen os ingresos non financeiros. 

Este crecemento, puntualizou, prodúcese a pesar das "medidas contundentes" adoptadas para paliar a escalada dos prezos da electricidade, como a baixada do IVE da luz ou a suspensión do imposto especial de electricidade. En 2022 "a economía vai permitir o incremento de todas as figuras fiscais", subliñou.

Ademais, adóptase un tipo mínimo do 15 % para o imposto de sociedades, en liña coa proposta acordada na OCDE, apuntou Montero, que asegurou que esta medida volve "situar ao noso país no consenso e a vangarda da fiscalidade internacional".

En concreto respecto a este imposto, Facenda agarda recadar 400 millóns de euros, e calcula que afectará a 1.070 empresas.

Así mesmo, lembrou que se mantén "intacto" o compromiso de abordar unha reforma fiscal global unha vez que o comité de expertos presente as súas propostas, en febreiro de 2022, momento en que "avaliaremos todas as opcións". 

12.550 millóns para os mozos

As políticas de xuventude, dotadas con 12.550 millóns, concentraron boa parte dos anuncios  destes presupostos. Entre eles o bono cultural de 400 euros.

O bono de alugueiro estará dotado con 200 millóns e dará 250 euros aos mozos de entre 18 e 35 anos con salarios inferiores a 23.725 euros.

As bolsas de estudo contarán con 2.199 millóns, unha cifra que cualifican de "histórica" e que ademais de estudantes tamén beneficiará a opositores a xudicaturas, fiscalía ou avogacía do Estado.

A próxima semana, o proxecto de presupostos entrará no Congreso. O Goberno confía en completar a súa tramitación antes de fin de ano para que entren en vigor o 1 de xaneiro.

Noticias web

07/10/2021