O Goberno pospón a mesa de diálogo ata despois das eleccións catalás
• ERC di que é un "incumprimento flagrante" do pacto
• Feijóo pronúnciase sobre o adianto electoral en Cataluña
O Goberno central cambia de estratexia e agora xa non considera a Quim Torra un interlocutor válido para abordar o problema de Cataluña. A través dunha nota, o Executivo anuncia que pospón a mesa de negociación pactada con Esquerra Republicana ata que se celebren eleccións e se forme o novo goberno catalán, o cal tardará aínda meses.
A reacción de Esquerra foi inmediata. Consideran que é "un incumprimento flagrante do acordo que asinaron con eles, ademais dunha irresponsabilidade". E esíxenlle a Pedro Sánchez que a semana que vén, cando se vexa con Quim Torra, fixe unha data inminente para a primeira reunión.
O Executivo mantén esa xuntanza entre Sánchez e Torra, pero di que xa non será para abordar o conflito político.
Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno, di que será "para falar de Cataluña, da situación que se viviu nos últimos anos e dos problemas de Cataluña".
Torra non cede, e a través dun comunicado insiste en que na reunión do seis de febreiro quere falar con Sánchez de autodeterminación, e da amnistía aos presos do procés.