CRTVG

Buscar

O Goberno pídelle a Alcoa que busque solucións máis aló do prezo da enerxía

Publicado o 21/02/2020 20:16

O estatuto das electrointensivas tensa as relacións entre o Goberno e a dirección de Alcoa. A multinacional do aluminio di que, se non cambian as condicións, non poderán seguir producindo en España, o que pon en dúbida a continuidade da fábrica de San Cibrao.

Desde o Goberno pídenlle que tomen medidas propias para garantir o seu futuro, reproche que lle fan tamén a Alu Ibérica.

Reyes Maroto, ministra de Industria, "A competitividade das dúas empresas non depende só do prezo enerxético. Hai outros elementos que teñen que ver tamén cos investimentos que Alcoa fixo nas súas plantas, que foron nulos, non fixo investimentos en eficiencia enerxética, así que Alcoa tamén nos ten que dicir se realmente aposta por España"

A Xunta fala xa dunha situación de emerxencia, e pídenlle ao Goberno que acepte as alegacións que presentaron conxuntamente con Asturias e Cantabria.

Francisco Conde, conselleiro de Industria, "Se o Goberno non rectifica, estamos avocados ao peche de Alcoa San Cibrao e a que Alu Ibérica non poida retomar a produción de aluminio. É unha situación de emerxencia, e o Goberno ten a responsabilidade de dar unha solución: garantir un prezo competitivo para a electricidade"

O Goberno comprométese a revisar as alegacións ao estatuto a semana que vén, pero xa advirte que algunhas delas son inviables porque non pasarían o filtro de Europa.

Noticias web

21/02/2020