CRTVG

Buscar

O Goberno pide "lealdade institucional" á Xunta tras a venda de Alcoa

Publicado o 05/08/2019 11:49

A ministra de Industria, Turismo e Comercio, Reyes Maroto, pediulle este luns á Xunta de Galicia que actúe con "lealdade institucional" unha vez que completou a venda das centrais de Alcoa na Coruña e Avilés ao fondo suízo de inverstimento Parter.

Maroto pronunciouse así esta mañá durante unha visita a Santiago de Compostela en que, tras reunirse con diferentes cargos do PSOE en Galicia, atendeu os medios para defender a posición do Goberno.

"Sorprendeume que unha vez pechado o proceso, e unha vez que a solución foi adecuada para todos, o conselleiro non se alegrara desta gran noticia", declarou Maroto.

Do mesmo xeito, a ministra observou unha "gran contradición" entre o que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pide ao seu Goberno ao esixir a aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo e a postura que ao mesmo tempo mantén o seu partido ao non permitir a investidura dun novo Executivo. Maroto insistiu en que un Goberno en funcións non pode sacar adiante o regulamento necesario para desenvolver ese estatuto e reiterou a necesidade de dispoñer dun gabiente que poida traballar para "conseguir reindustrializar Galicia" e emprender outros tantos retos.