O Goberno pide evitar desprazamentos e estuda as posibles axudas polo temporal
É unha das poucas opcións de transporte público este luns en Madrid. O metro funciona case con total normalidade, e rexistra algunhas aglomeracións. Tamén se retomou a actividade no aeroporto de Baraxas. Tras despexar de neve dúas das súas pistas xa se operan voos dende a T4 e a T4 satélite, pero non dende o resto de terminais.
"Desde a madrugada, e non nos dan resposta ningunha, estamos aquí no aeroporto cos nenos", explica unha muller cuxo voo se cancelou.
Os servizos de emerxencia céntranse agora en garantir o acceso aos hospitais e ás subministracións básicas. O Goberno rexional agarda recuperar a mobilidade xeral en 48 horas, e estuda prolongar o peche das escolas máis alá do mércores. O obxectivo, evitar desprazamentos e facilitar os traballos de retirada da neve, que aínda cobre gran parte da capital. O Goberno non descarta declarar Madrid zona catastrófica
Fernando Grande-Marlaska, ministro do Interior, di: "Estamos avaliando, tomando datos, para esas axudas necesarias, cando a situación de emerxencia conclúa e a avaliación definitva poda realizarse".
Nas vindeiras horas agárdase a chegada dunha nova vaga de frío siberiano, con temperaturas que poden descender ata os 15 graos baixo cero, e que previsiblemente transformará a neve en placas de xeo.