CRTVG

Buscar

O Goberno prohibirá a venda de tractores de máis de 40 anos para reducir os accidentes

Publicado o 09/09/2019 15:49

O Goberno central prepara unha norma para poñerlles freo aos tractores antigos. Busca limitar os accidentes e reducir a contaminación.

Este é o retrato dun accidente de tractor en Galicia. Os vehículos contan con máis de 20 anos de antigüidade, a maioría son de segunda man e condúcenos maiores de 65 anos, que carecen de formación específica. Cada ano morren en accidente de tractor en Galicia entre 15 e 20 persoas.

A idea é que non se comercialicen vehículos de máis de corenta anos que non teñan bastidor ou cabina homologada. A norma tamén vai afectar os chamados pascualines, que son os que pesan menos de seiscentos quilos.

O decreto que prepara o Ministerio de Agricultura ten un dobre obxectivo. Reducir as emisións de gases contaminantes e a mortaldade nos accidentes con tractores. Para iso, queren prohibir a venda de vehículos con máis de corenta anos, os inferiores a 600 quilos de peso que non teñan cabina e os de fabricación anterior a 1998. Tamén se prevé restrinxir a compra de tractores procedentes do estranxeiro anteriores a 2001. As organizacións agrarias ven aspectos positivos na medida, pero cren que pode afectar os habitantes do rural que usan vehículos antigos para actividades de autoconsumo como hortas ou leiras de patacas.

"Cremos que o que máis contamina é un rural deserto e esta medida pode botar atrás moita xente que segue a cultivar para autoconsumo ou venda a pequena escala".

No primeiro trimestre deste ano vendéronse en Galicia 104 tractores. Segundo o censo do Ministerio, o parque de vehículos agrícolas en España ascende a 140.000 unidades.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/09/2019