CRTVG

Buscar

O Goberno paraliza a aprobación do estatuto electrointensivo

Publicado o 26/04/2019 16:23

O Goberno retirou o acordo da orde do día do Consello de Ministros por un informe desfavorable da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia. Advirte de que algunha das medidas contidas no estatuto e que abaratan o prezo da electricidade poderían ser consideradas unha axuda ilegal do Estado, sendo posteriormente anuladas pola Comisión Europea. Esixe o organismo que o estatuto sexa revisado antes da súa aprobación, para que teña a máxima seguridade xurídica. Así as cousas, a aprobación do estatuto dependerá xa do novo Goberno que se forme a partir do domingo. Os traballadores vanse manifestar esta tarde para protestaren por esta decisión, que cualifican de fatídica.

O novo estatuto do consumidor electrointensivo é clave para o futuro das factorías da Coruña e Avilés, xa que permitiría crear un marco estable e de futuro para o sector e faría as plantas máis atractivas para unha posible venda. Pero a súa aprobación, prevista para hoxe, quedaba suspendida tras o ditame da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia que advirte de posibles eivas no proxecto que poderían atopar problemas coa Unión Europea.

"Competencia establece unha serie de recomendacións que levaron a que o Goberno teña que reavalialas para conseguir a máxima seguridade e estabilidade no estatuto marco que estableza unha regulación axeitada para conseguir emprego, investimentos", explicaba o delegado do Goberno, Javier Losada. 

Competencia recomenda unha análise máis profunda das propostas, aconsella que o Goberno actúe seguindo o criterio de prudencia para evitar, por tanto, inseguridade xurídica no futuro. Para o comité de empresa, é fatídico non aprobar hoxe o estatuto.

"O que temos que crear é un marco atractivo para que veñan investidores e poidamos seguir producindo aluminio primario. Se non temos un estatuto electrointensivo onde o prezo da enerxía sexa estable e duradeiro, non imos ter industria neste país", dixo Miguel Conde, do comité de empresa.

O tempo xoga en contra do cadro de Alcoa. O 30 de xuño remata o prazo que fixou a multinacional estadounidense para que apareza algún comprador e o Goberno queda en funcións a partir do domingo. O texto final da proposta dependerá agora do novo executivo que saia das urnas.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/04/2019