CRTVG

Buscar

O Goberno pacta con Madrid aplicar as mesmas restricións nas localidades de máis de 100.000 habitantes

Publicado o 29/09/2020 20:05

• Haberá un criterio homoxéneo para as limitacións en toda España

• Nos concellos máis pequenos, seguirá en mans das autonomías

• O acordo deberá ser ratificado no Consello Interterritorial de Saúde

O Goberno central e a Comunidade de Madrid alcanzaron un principio de acordo, no marco do Grupo Covid-19, en que se propón que para os municipios por encima dos 100.000 habitantes se estableza un criterio homoxéneo para aplicar restricións tanto na autonomía como no resto de España.

Por outra banda, para municipios de menos de 100.000 habitantes, serán as autonomías as que tomarán a decisión sobre posibles restricións atendendo ás normativas e protocolos no ámbito estatal.

O Ministerio de Sanidade propoñerá mañá martes ao Consello Interterritorial de Saúde medidas de limitación da mobilidade, de ocupacións e horarios, naquelas cidades de máis de 100.000 habitantes de toda España cunha alta incidencia da pandemia. Así o avanzou en conferencia de prensa o ministro de Sanidade, Salvador Illa, tras a reunión do Grupo COVID-19 celebrada esta tarde entre o Goberno central e os responsables da Comunidad de Madrid.

Estas medidas restritivas aplicaríanse de forma inmediata aos municipios de máis de 100.000 habitantes cunha incidencia acumulada de máis de 500 casos por cada 100.000 habitantes nun período de quince días, unha positividade superior ao 10 por cento nas PCR e cun índice de ocupación superior do 35 por cento nas UCI a nivel autonómico.

Illa felicitouse de que se chegou a este acordo coa Comunidad de Madrid, que fará extensivo ao resto de comunidades, o que é unha "boa noticia para todos", aínda que alertou de que habería que actuar "moito antes" e con incidencias "moito máis baixas"

O acordo alcanzado con Madrid vai ser analizado pola mañá no relatorio de alertas e na Comisión de Saúde Pública e, posteriormente e pola tarde, propoñerase a acción de saúde pública ao CISNS.

Aguado, satisfeito polo acordo co Goberno

O vicepresidente da Comunidad de Madrid, Ignacio Aguado, mostrouse este martes satisfeito polo "principio de acordo" alcanzado dentro do Grupo Covid-19 e subliñou que "a unidade salva vidas e empregos". O tamén portavoz do Executivo madrileño mostrous o seu desexo de que se ratifique no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde que se celebrará mañá mércores. "O diálogo dá resultado. A unidade salva vidas e empregos", sinalou. 


No Consello Interterritorial, a Comunidad de Madrid trasladará a súa proposta de que haxa "un criterio único para todas as comunidades autónomas", que se realicen PCR de orixe "para maior seguridade" no Aeroporto Adolfo Suárez-Madrid Barajas e "un reforzo" nos controis dos trens de RENFE e AVE.

O principio de acordo chegou na terceira reunión do Grupo COVID-19 celebrada esta tarde, que durou ao redor de dúas horas. Forman parte do mesmo o ministro de Sanidade, Salvador Illa; a ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias; o vicepresidente e portavoz da Comunidad de Madrid, Ignacio Aguado; e o conselleiro madrileño de Sanidade, Enrique Ruiz Escudero.