CRTVG

Buscar

O Goberno ofrece liberar sen condicións parte dos remanentes dos concellos

Publicado o 09/09/2020 21:45
O Goberno ofrece liberar sen condicións parte dos remanentes dos concellos

O Goberno lanzou unha oferta de última hora á oposición para evitar a derrogación do decreto lei que recolle o acordo coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que este xoves se vota no Pleno do Congreso: ante o rexeitamento a que os concellos cedan os seus remanentes ao Estado para poder usalos, Facenda ofreceu liberar unha parte dese fondo prometido, entre un 40 e un 60 %, para distribuír sen condicións ese diñeiro entre os municipios, teñan ou non superávit, e evitando a controvertida cesión. Ese acordo, destinado a permitir que os concellos sorteen a Lei de Estabilidade Orzamentaria e poidan usar os seus remanentes para combater os efectos da pandemia do coronavirus, aprobouse pola mínima na FEMP e este xoves sométese a votación no Pleno do Congreso con toda a oposición en contra. 

Na súa comparecencia ante a comisión de Facenda do pasado 31 de agosto, a ministra María Jesús Montero recalcou que non tiña alternativa á fórmula da cesión voluntaria dos remanentes ao Estado para usalos como préstamo e ademais repartir un fondo extra de 5.000 millóns adicionais. Ante o rexeitamento unánime da oposición, o único que ofreceu Montero é deixar en suspenso esa parte do decreto lei á espera de que, na súa tramitación como proxecto de lei, se alcanzase un acordo mellor, tendo en conta o marco legal adverso, xa que, segundo lembrou, o articulo 135 da Constitución e a posterior Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria do Goberno Rajoy impiden aos concellos facer uso do seu superávit.

A oferta

En vésperas da votación e ante o risco de derrota, Facenda está a flexibilizar a súa postura e, segundo informaron fontes parlamentarias, está a ofrecer que parte dese diñeiro prometido aos concellos se poida repartir sen condicións, é dicir, sen necesidade de ceder remanentes ao Estado e permitindo que accedan tamén os concellos sen superávit. A porcentaxe está a determinarse e fálase de entre o 40 e o 60 % do fondo.

Na negociación está a intervir incluso a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, de En Comú, que lidera a contestación dentro de Unidas Podemos, socio do Goberno. Colau vén apoiando o manifesto de máis de trinta grandes municipios, incluídas capitais como Madrid, Zaragoza, Valencia ou Cádiz, que apostan por repartir entre os concellos un fondo de 5.000 millóns sen máis criterio que a poboación, igual que se fixo coas comunidades autónomas.

A oferta non acaba de convencer a todos os partidos da oposición. Descontado Vox, que non negocia co Goberno de coalición, o PP segue no manifesto dos alcaldes rebeldes e non se move da proposta dos fondos incondicionados dos 5.000 millóns. En ERC, Ciudadanos, Junts, PNV e Compromís seguen considerando a oferta insuficiente. A negociación manterase ata o último momento, pero o Goberno sabe que non lle basta con convencer o seu socio de Unidas Podemos, xa que, a 24 horas da votación, o muro da oposición segue sendo demasiado alto para superalo.