CRTVG

Buscar

O Goberno obrigará a aplicar as restricións en dez localidades de Madrid

Publicado o 30/09/2020 20:07

• As medidas do Ministerio para concellos grandes con alta incidencia do virus non contou co apoio de Madrid, Cataluña, Andalucía, Galicia, Murcia e Ceuta | Illa advirte de que a orde será publicada no BOE e é vinculante para todos: "Ninguén entende a marcha atrás de Madrid"

• A Comunidade de Madrid replica que non ten validez xurídica

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, anunciou que o seu departamento publicará no BOE "os próximos días" unha orde coa decisión colexiada do Consello Interterritorial de Saúde para aplicar as restricións de control ante o avance da pandemia en dez municipios da comunidade de Madrid.

Díxoo ao termo da reunión do Consello Interterritorial de Saúde entre o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, nunha confenrencia de prensa en que aseverou que esta normativa é de obrigado cumprimento e afecta Alcalá de Henares, Alcobendas, Alcorcón, Fuenlabrada, Xetafe, Leganés, Torrexón de Ardoz, Móstoles, Parla e Madrid.

A proposta de Sanidade non contou co apoio das comunidades de Madrid, Cataluña, Andalucía, Galicia, Murcia e Ceuta. 

Non houbo consenso na Interterritorial de Saúde sobre os criterios propostos polo Goberno para implantar novas restricións nas grandes cidades con alta incidencia da covid-19. O Goberno di que é vinculante, tamén para os que non a apoiaron.

"Agora xa temos unha orde que se vai publicar no BOE, que é froito dunha decision colexiada e que se ten que facer efectiva por parte das comunidades autónomas", asegurou o ministro de Sanidade.

A proposta aprobada inclúe limitación de saídas e entradas, e restricións de ocupación e horarios nos concellos de máis de 100.000 habitantes que cumpran determinados requisitos. Máis de 500 casos de covid-19 por cen mil habitantes, máis dun 10% de positivos nas probas diagnósticas e unha ocupación das UCI superior ao 35%.

Algunhas comunidades manifestaron o seu malestar porque o Goberno e Madrid pactaran previamente a proposta. Iso aínda que o executivo desa comunidade se desmarcou horas despois pedindo ampliar os criterios técnicos para aplicar as restricións.

"Ninguén entende a súa marcha atrás agora, nin os madrileños nin os españois. A saúde de Madrid é a saúde de España. Madrid é especial porque a saúde de Madrid é a saúde de España", dixo Salvador Illa.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, votou en contra da proposta por considerar que carece de avais técnicos para adaptala á situacións epidemiolóxica de Galicia. Di que o comité clínico galego toma decisións en base a dez criterios e non tres e fai un chamamento a recuperar o consenso.

Madrid replica que o acordo para restricións "xuridicamente non é válido" 

A Comunidad de Madrid considera que a decisión adoptada no Consello Interterritorial de Saúde, que supoñerá endurecer as restricións de mobilidade en dez municipios desta rexión, "xuridicamente non é válida" ao non ser tomada por consenso.

"O Goberno de España ten présa por intervir Madrid e non por loitar contra o virus", dixo en conferencia de prensa o conselleiro de Sanidade madrileño, Enrique Ruiz Escudero. 

 

Noticias web

30/09/2020