CRTVG

Buscar

O Goberno non prohibe as manifestacións do 8M pero pide prudencia

Publicado o 26/02/2021 09:15

No Goberno levan días advertindo que a situación epidemiolóxica non está para celebrar concentracións multitudinarias. Primeiro foi a ministra de Sanidade, rotunda. Nas últimas horas, preguntado por iso, manifestábase Fernando Simón. Non se opón a que haxa manifestacións sempre que se tomen as medidas de precaución. En relación coa Semana Santa, o director de Alertas Sanitarias precisaba que era importante distinguir a razón pola que se realicen concentracións de xente.

Fernando Simón, director do Centro de Alertas Sanitarias: "Se se manteñen as medidas axeitadas de control de risco en calquera ámbito, diminúen os riscos. Dito isto, se se poden evitar os agrupamentos grandes de persoas, moito mellor".

No Ministerio de Igualdade, que dirixe Irene Montero, seguirán as recomendacións da ministra de Sanidade. Pero Pablo Echenique critica o ton da ministra Darias e confirma que acudirán se as convocan. A ministra de Defensa únese á de Sanidade. Di que non é responsable acudir ás manifestacións.

A delegación do Goberno en Madrid, que inicialmente autorizara manifestacións cun máximo de 500 persoas, rectificou. Nas últimas horas anunciaba que prohibirá as marchas se Sanidade as desaconsella. O Movemento Feminista de Madrid convocou unha concentración pechada onde só permitirán o acceso a 250 mulleres.

Noticias web

26/02/2021