CRTVG

Buscar

O Goberno busca apoios para a quinta prórroga do estado de alarma

Publicado o 18/05/2020 20:52

O Goberno cre que sen os poderes que dá estado de alarma a desescalada pode desbordarse. Por iso, este mércores pedirá unha quinta e, previsiblemente, derradeira prórroga.

José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE, di que "estamos nunha fase final que debería suscitar o máximo consenso entre os grupos parlamentarios. Estamos convencidos de que ao final teremos ese apoio porque é de sentido común e é de necesidade"

Nas negociacións, Junts Per Cat reclama que a autoridade competente nos cambios de fase sexa QuimTorra. Esquerra tamén pon a descentralización das decisións como a principal condición para pasar do non á abstención.

Segundo Marta Vilalta, voceira de ERC, "non se dan as condicións para facilitar unha nova prórroga deste estado de alarma"

Ciudadanos emprazou o Goberno a elixir entre eles ou os nacionalistas. En calquera caso, non apoiarán unha prórroga diferente das anteriores.

Edmundo Bal, voceiro adxunto de Ciudadanos no Congreso, dixo que "é imprescindible que o presidente do Goberno deixe claro que non vai pedir unha prórroga do estado de alarma por trinta días"

E como xa adiantara Pablo Casado, os 89 votos do PP pasarán o mércores da abstención ao non.

Para Teodoro García Egea, secretario xeral do PP, "Sánchez quere pasar do estado de alarma ás vacacións de verán para evitar o control parlamentario do Partido Popular e do resto de grupos. Por iso no Partido Popular imos votar non á prórroga do estado de alarma"

A vicepresidenta Carmen Calvo adiantou que o Goberno estuda que este último estado de alarma se poida ir levantando por territorios.
 

Noticias web

18/05/2020