CRTVG

Buscar

España manterá o exército en Ceuta malia que Rabat freou a saída masiva de migrantes

Publicado o 18/05/2021 20:56

• O Ministerio do Interior expulsou a metade dos 8.000 inmigrantes que deixou pasar Marrocos | Sánchez visita Ceuta e asegura que protexerá a integridade territorial de España

As autoridades españolas prevén manter sen data límite o despregamento da Garda Civil e a Policía Nacional con unidades militares na contorna da fronteira de Ceuta e o espigón marítimo anexo do Tarajal, onde este martes pola tarde conseguiuse evitar a entrada irregular de máis cidadáns marroquís tras acumular 8.000 pases en apenas 40 horas.

Fontes da Delegación do Goberno en Ceuta confirmaron en declaracións a Europa Press que durante a próxima madrugada e 'sine die' ata que a crise migratoria propiciada por Marrocos se dea por definitivamente superada.

O Ministerio do Interior anunciou este martes que enviará á cidade autónoma outros cincuenta efectivos do Instituto Armado e que puxo en alerta a 150 membros da Unidade de Intervención Policial (UIP) da Policía Nacional, especializados en conter disturbios e grandes masas,

As autoridades españolas calculan que xa se devolveu ou retornaron voluntariamente ao Reino alauita aproximadamente 4.000 dos 8.000 migrantes irregulares recibidos, cuxa presencia vagando polas rúas da cidade foise reducindo co paso das horas.

O volume de entradas foise reducindo tamén paulatinamente grazas aos "intensos" controis establecidos, segundo testemuñas presenciais, polas forzas de seguridade marroquís nas estradas. A Policía Nacional mantén un equipo conxunto de Estranxeiría e Científica traballando "as 24 horas" para axilizar as expulsións dos adultos que entraron irregularmente en territorio español a nado, bordeando os espigóns marítimos ou usando rudimentaria embarcacións e flotadores, a maioría novas homes pero tamén mulleres, nenos e bebés e algún migrante de orixe subsahariana.

Sánchez viaxa a Ceuta

O presidente do Goberno cancelou a súa axenda para darlle toda a prioridade ao conflito con Marrocos, o asunto que máis preocupa agora mesmo o Executivo. Acompañado do ministro do Interior, Pedro Sánchez reuniuse co presidente de Ceuta e visitou os mandos operativos que están intentando controlar a entrada masiva de inmigrantes. Posteriormente desprazouse tamén a Melilla, onde estudan tomar accións preventivas.

"Imos actuar con firmeza para garantir a seguridade"

Nunha declaración institucional, horas antes, Sánchez advertiulle a Rabat que defenderá a integridade de España cos medios que sexan necesarios. "Imos actuar con firmeza para manter a seguridade ante calquera desafío, calquera eventualidade, e ante calquera circunstancia".

Chamada a consultas dos embaixadores

Paralelamente, o Goberno chamou a consultas a embaixadora de Marrocos en España, que relacionou directamente a chegada masiva de inmigrantes coa decisión do Goberno español de prestarlle atención médica ao líder da Fronte Polisaria.

"Hai actos que teñen consecuencias e téñense que asumir," dixo literalmente.

Arancha González Laya, ministra de Asuntos Exteriores, "amoseille o noso malestar pola chegada masiva de inmigrantes, e lembreille que o control das fronteiras é obriga dos dous gobernos, do de España e do de Marrocos".

Rabat respondeu de inmediato, chamando tamén a consultas a súa representante en España, un movemento diplomático que eleva a tensión entre Marrocos e España a niveis descoñecidos na última década.

Conscientes da gravidade, o Goberno creou un comité específico para afrontar a crise con Rabat, en que implica todos os ministerios. Mantivo xa a primeira xuntanza este martes, presidido pola vicepresidenta Carmen Calvo.

Unha crise sen precedentes
 
Arredor de sete mil inmigrantes, marroquís e subsaharianos, entraron en Ceuta nas últimas 24 horas. Unha entrada masiva sen precedentes e que sobrepasou as forzas de seguridade españolas.

"Esta situación non se viu nunca aquí en Ceuta, realmente é inédita e non entendemos como se puido chegar a esta situación", di Eduardo García, secretario provincial da Confederación Española de Policía.

A maioría dos inmigrantes entraron en Ceuta nadando, bordeando o espigón onde remata a reixa que separa Marrocos de España. Moitos deles chegaron exhaustos e precisaron atención sanitaria. Moitos outros conseguiron adentrarse nas rúas de Ceuta, onde moitos comercios decidiron pechar ante a situación de inseguridade. O Ministerio do Interior despregou máis de 1.300 efectivos entre Policía e Garda Civil para controlar a situación, apoiados polas forzas armadas. Ata o momento producíronse 1.700 devolucións, aínda que algúns intentan volver entrar. Tanto as autoridades da comunidade autónoma coma as forzas de seguridade españolas culpan a policía marroquí de pasividade.

"O que está claro é que a policía de Marrocos non está a cumprir co seu labor. O seu labor é protexer as fronteiras", afirma Eduardo García, secretario provincial da Confederación Española de Policía.

"Houbo unha pasividade, non sei se é o termo que vou empregar é o axeitado, pero pódese entender como unha pasividade cómplice, digo cómplice no sentido de que esta invasión non se producise", sianala o Presidente da Cidade Autónoma de Ceuta.

Entre estes milleiros de inmigrantes hai mil cincocentos menores que están aloxados provisionalmente nun albergue da praia do Tarajal.

Noticias web

18/05/2021