CRTVG

Buscar

O Goberno mantén o obxectivo de ter vacinado o 70% da poboación no verán

Publicado o 22/01/2021 15:14

Segundo os últimos datos, as comunidades autónomas recibiron máis dun millón trescentas mil vacinas, das que xa se administraron máis do oitenta por cento. E con estas cifras, o Goberno mantén o seu obxectivo, de que no verán o 70 % dos españois e españolas estean protexidos. Volveuno repetir hoxe o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quen tamén destacou que somos o noveno país do mundo no proceso de vacinación e no número de doses administradas somos o terceiro país da Unión Europea.

Pero o certo é que a día de hoxe non chegan a 50.000, en toda España, as persoas que xa recibiron as dúas doses. Por iso os expertos cren que vai ser moi difícil chegar á ansiada inmunidade de rabaño no verán. 

Irene Rivero, vogal da Asociación Española de Vacinoloxía, cre que "é un obxectivo difícil porque a día de hoxe, con respecto ao total de España, temos o 0,1 % da poboación vacinada. Non estou ao cen por cento segura de que o vaiamos conseguir".

O próximo luns chegarán a España 350.000 vacinas de Pfizer. As comunidades esfórzanse por sacar seis doses de cada un dos viais.

Silvia Calzón, secretaria de Estado de Sanidade, destacaba hoxe nunha entrevista radiofónica que "todas as comunidades autónomas, sen excepción, están facendo un esforzo tremendo para optimizar o rendemento dos viais dos que dispoñemos".

O Goberno confía en que a campaña se acelere coa chegada doutras marcas. Agarda que a de Oxford reciba o visto e prace da Axencia Europea do Medicamento a próxima semana e que empece a distribuírse nuns quince días, canda ás remesas pendentes da de Moderna, medio millón do doses.

Noticias web

22/01/2021