O Goberno luso eleva o Camiño portugués ao rango do de Fátima
O Goberno luso acaba de darlle valor oficial ao Camiño Portugués e eleva a ruta ao mesmo rango que o Camiño de Fátima. Con este recoñecemento da o paso para integralo no conxunto dos camiños de Santiago. A ruta que nace no país luso é a segunda preferida polos peregrinos, despois da francesa.
Un de cada catro peregrinos que se achega a Santiago faino a través do Camiño Portugués. A ruta xacobea lusa é desde hai catro anos a que máis crece de todas as propostas.
César Rúa, oficina de Acollida ao Peregrino: "Habitualemnte era sempre a segunda opción, pero agora estamos comprobando que é a primeira opción de moita xente. E cada vez máis. Nótase moito que xa ten máis infraestruturas".
Peregrinos de toda Europa entran no Camiño a través do aeroporto de Sá Carneiro. Coa vista posta no próximo Ano Santo do 2021, o Goberno luso recoñece o impacto internacional do Camiño.
Lucinda Amorim, concelleira de Turismo de Póvoa do Varzim: "É un camiño con tanta afluencia ou máis que os camiños de Fátima, porque non ten só unha vertente relixiosa".
Incorporalo á plataforma dos camiños da Fe é un primeiro paso. Hai tamén compromiso económico para melloralo.
"Pintando mellor os sinais, axudarán a que máis xente se anime e veña a Santiago. É comparable tanto Santiago como Fátima. Son camiños de Fe".
Santiago, a meta alcanzada hoxe por Xosé e Adelaida a través da ruta da costa polo sur de Galicia.