CRTVG

Buscar

O Goberno inicia os trámites para as exhumacións no Val dos Caídos

Publicado o 12/04/2021 11:39
O Goberno inicia os trámites para as exhumacións no Val dos Caídos

O Goberno, a través de Patrimonio Nacional, presentará este luns a solicitude de licenza urbanística para poder iniciar os traballos de exhumación e identificación das vítimas da guerra e da ditadura inhumadas nas criptas da basílica de Santa Cruz do Val dos Caídos e reclamadas polas súas familias.

A solicitude presentarase no concello de San Lourenzo do Escorial (Madrid) tras a aprobación, no Consello de Ministros do pasado 30 de marzo, do real decreto do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática que regula a concesión dunha subvención de 665.000 euros para o financiamento destes traballos.

Segundo informa o Executivo nunha nota, o proxecto inclúe as obras necesarias para o acceso e afianzamento do paso ao interior dos distintos niveis das criptas. Contempla tamén a adopción de medidas de seguridade e saúde: a retirada ou desmonte de cerrados, instalacións e aveños para os accesos ás galerías ou a adecuación de instalacións de iluminación.

Irmáns Lapeña Altabás

Dúas das vítimas que se van exhumar son os irmáns aragoneses Manuel e Antonio Lapeña Altabás, procedentes de Villarroya de la Sierra (Zaragoza) e fusilados polas tropas franquistas en 1936. Soterrados nun primeiro momento en Calatayud, no 1959 reinhumaron os seus restos no Val dos Caídos.

Un xulgado de San Lourenzo do Escorial recoñeceulle á familia, no 2016, o dereito a recuperar os seus cadáveres soterrados no Val dos Caídos para trasladalos a súa localidade natal. Porén, os trámites demoráronse dende entón.