CRTVG

Buscar

O Goberno impulsa o veto á mobilidade en Semana Santa

Publicado o 04/03/2021 22:43

• Malia o apoio maioritario das comunidades autónomas, Madrid rexeita o peche perimetral e Canarias non o prevé

• A Xunta eleva unha queixa ao Ministerio por difundir "un documento técnico" que debe aprobar a Interterritorial de Sanidade

• Desaparece, por falta de acordo, a recomendación de evitar o regreso de estudantes aos seus lugares de orixe

O Ministerio de Sanidade impulsa o peche perimetral e a redución dos contactos en Semana Santa porque o momento é "absolutamente crítico" para evitar unha cuarta vaga. Este xoves obtivo o apoio da maioría de autonomías, aínda que Madrid se opón e outras comunidades mostran algunhas reticencias.

Sanidade non logrou onte un acordo no Consello Interterritorial, pero si o acordou este xoves na Comisión de Saúde Pública, aínda que o plan pactado neste órgano técnico deberá ser ratificado o vindeiro mércores polos conselleiros autonómicos nese organismo de coordinación territorial.

A estratexia ante estes días festivos prevé o peche perimetral das autonomías, un toque de recollida de 22:00 a 6:00 común a todo o territorio, limitar a catro persoas as reunións e desaconsellar os encontros de non convivientes en domicilios e espazos pechados.

O documento volve pedir que se eviten todas as viaxes que non sexan necesarias, aínda que non fai a recomendación específica para os estudantes que se propuxera no borrador inicial.

O obxectivo é que este acordo sexa ratificado baixo a forma dunha declaración de actuacións coordinadas; sería, pois, de obrigado cumprimento en todos os territorios, tamén nos que este xoves expresaron a súa oposición.

En conferencia de prensa, a secretaria de Estado de Sanidade Silvia Calzón defendeu a necesidade de endurecer as medidas porque aínda non se conseguiu a cobertura da vacinación, existe a ameaza das variantes do virus e "non todas as semanas do ano son iguais". "Que estes días non sexan unha ruptura da burbulla estable", pediu xunto ao director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias Fernando Simón.

Madrid oponse e Canarias non pevé aplicalo

Calzón avogou por mandar unha "mensaxe unívoca" á cidadanía, pero este obxectivo parece complexo, pois Madrid oponse ao peche perimetral e tamén a endurecer o toque de recollida ou reducir o tamaño dos grupos que se poidan reunir. Na actualidade, hai liberdade de movemento nesa comunidade autónoma, excepto nas zonas básicas de saúde con maior incidencia, e o toque de recollida está fixado de 23:00 a 6:00 horas.

"Non pode ser que o mesmo Goberno que convocou eleccións en Cataluña con peores datos agora peche así España estando moito mellor", escribiu Ayuso (PP) en Twitter ao concluír a Comisión. Pero horas antes, Ayuso xa se volveu mostrar partidaria de manter a comunidade autónoma aberta durante a Semana Santa, pois considera que os peches perimetrales desde novembro de 2020 nalgunhas autonomías "non impediron unha terceira vaga".

Tampouco Canarias pretende pechar o arquipélago cos datos actuais e espera que, de producirse o peche perimetral, haxa excepcións nalgunhas illas que permitan o acceso a turistas a hoteis e aloxamentos. Canarias achégase aos 50 casos de incidencia por 100.000 habitantes nos últimos sete días, segundo o portavoz do Goberno canario Julio Pérez. Pérez apuntou que a reunión deste xoves era de carácter técnico, polo cal non se tomaron decisións. Esa visión compártea Galicia. 

Galicia elevará unha queixa por facerse público un documento técnico

A Xunta elevará unha queixa formal por o Ministerio facer público o falado na Comisión antes de que se debata no Consello Interterritorial. Fontes do Goberno galego sinalan que o descontento co comunicado de Sanidade é xeneralizado. 

Galicia abstívose respecto ao mantemento das restricións, mentres que votou "non" a restrinxir a mobilidade de estudantes (unha proposta que finalmente non prosperou) e aos eventos masivos. Abstense no toque de recollida e apoia desaconsellar encontros en domicilios.

Respecto ao peche perimetral, o presidente galego Alberto Núñez Feijóo é partidario de esperar a tomar decisións porque faltan dous ciclos epidémicos, aínda que "en caso de dúbida" optaría por ser "conservador".

A maioría de comunides defenden o peche perimetral

Pero durante a xornada varias autonomías defenderon a necesidade do peche perimetral. Fixérono Andalucía, que pide un mando único para evitar a confrontación, Cataluña, Castela-A Mancha, Cantabria ou a Comunidade Valenciana, onde o president Ximo Puig argumentou que xa se sabe que, canta máis mobilidade, máis contaxios. "Non pode haber Semana Santa", defendeu tamén a vicepresidenta primeira do Goberno Carmen Calvo. 

Noticias web

04/03/2021

Máis sobre actualidade