O Goberno estima que cada usuario aforrará seis euros coa baixa do IVE da luz
A ministra de Facenda María Jesús Montero asegurou que a rebaixa do IVE e a suspensión do imposto de produción eléctrica suporán unha baixada de máis do 10 % na factura da luz que beneficiará "A totalidade dos fogares".
A tamén voceira do Goberno dixo que as medidas adoptadas no Consello de Ministros extraordinario do vindeiro xoves servirán para "atallar un problema que vive en primeira persoa a cidadanía, as pemes e os pequenos comercios".
Segundo explicou, o Goberno vai reducir o IVE do 21 % ao 10 % "da totalidade da factura eléctrica" ata finais de ano para toda a clientela cunha potencia contratada de ata 10 quilowatts.
Isto aplicarase sempre que o prezo mensual do mercado almacenista da electricidade estea por riba dos 45 euros por megawatt-hora (MWh). No caso dos fogares vulnerables ou perceptores do bono social, a rebaixa do IVE ao 10 % aplicarase con independencia da súa potencia contratada ou prezo do mercado.
A finais de ano "reavaliarase e veremos se as reformas introducidas nos últimos meses producen efecto e se o prezo está nuns niveis máis normalizados e aceptables", engadiu.
Por outra banda, o Goberno vai suspender durante o terceiro trimestre do ano o imposto sobre o valor da produción de enerxía eléctrica (7 %) "que sobre todo afecta a factura da industria e os comercios, pero tamén, aínda que en menor medida, a dos fogares", subliñou.
Pasado este período, analizarase "se as causas persisten ou se pasou este pico de incremento da electricidade, que non era previsible e que está ocorrendo no plano global, internacional".
Sobre a petición de Podemos de que sexa unha medida permanente, Montero declarou que ambos os dous socios de Goberno están de acordo en adoptar medidas urxentes para "atallar este problema" e que "ninguén quede atrás" e por iso adoptaron esta baixada fiscal que implicará unha "menor recadación" pero que é "imprescindible".
"Comunicaremos a Bruxelas a decisión", algo que o Goberno debe facer con medidas asociadas ao IVE, coa seguridade de que o vai comprender sabendo que é algo "temporal" e "puntual".
Cifra en 500 millóns de euros a caída de ingresos para as arcas do Estado, un esforzo necesario, di, para que a factura volva abaratarse."Teremos que asimilar ese resto de 500 millóns de euros aproximadamente que vai supoñer a aplicación ata o 31 de decembro. Nós cremos que paga a pena o esforzo que temos que facer o conxunto do país, sempre e cando vaia en paralelo coas reformas estruturais que se teñen que acometer no sector eléctrico", dixo a voceira do Goberno, María Jesús Montero.
Impacto na recadación
A presidenta da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF), Cristina Herrero, calcula que a rebaixa do IVE da factura da electricidade do 21 % ao 10 % para determinados tramos suporía un impacto sobre a recadación de 1.300 millóns de euros anuais.
Segundo explicou, o desconto tamén podería implicar un aumento da demanda, polo que, nese caso, o impacto situaríase nunha pinza de 1.100 a 1.300 millóns.
"É prematuro. É un primeiro cálculo", dixo este martes en Santander durante a súa participación no seminario A economía da pandemia da Asociación de Xornalistas de Información Económica (APIE).