CRTVG

Buscar

Sánchez non lle pecha a porta a vacina Sputnik, pero sempre no seo da UE

Publicado o 09/04/2021 11:39

• O Goberno garante o calendario de vacinación con e sen AstraZeneca

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, garante que o plan de vacinación contra o coronavirus previsto en España se cumprirá tanto contando coas doses de AstraZeneca como sen elas e, polo tanto, a finais de setembro poderá xa estar inmunizada a práctica totalidade da poboación.

Sánchez ratificou as previsións do Goberno para o proceso de vacinación nunha conversación informal cos xornalistas que cobren a xira que está a realizar por África e que conclúe este venres no Senegal.

As decisións que se están sucedendo arredor da inoculación da vacina de AstraZeneca, que levaron agora o Ministerio de Sanidade e as comunidades a permitir só o seu uso en persoas de entre 60 e 69 anos, non van alterar os plans do Executivo, segundo Sánchez.

Á espera das medidas que se poidan adoptar no futuro sobre esta vacina, o presidente do Goberno considera que, aínda que houbese que prescindir totalmente dela, iso non influiría no cumprimento dos prazos previstos.

De acordo coas súas cifras, se se conta con AstraZeneca, España tería 87 millóns de doses de vacinas desde abril ata setembro, e sen ela serían 78 millóns. Unha diferenza de nove millóns que non impediría que a maioría da poboación recibise xa a pauta completa (dunha ou dúas dose segundo a vacina de que se trate) a finais de setembro.

Por iso, Sánchez ve posibilidades de mellorar incluso a previsión que ratificou o pasado martes na súa comparecencia tras a reunión do Consello de Ministros de que a finais de agosto estarían vacinados o 70 por cento dos cidadáns. "O calendario que dei é o máis conservador", asegura o xefe do Executivo.

Ademais, recalca que se non se puido vacinar con AstraZeneca no primeiro ou o segundo trimestre do ano, si afectaría os plans previstos, pero xa non agora cando se usan tamén as de Pfizer e Moderna e estase á espera doutras como as de Jansen (que estará dispoñible a partir de mediados deste mes) e a de CureVac.

Respecto aos problemas que está a haber coa vacina de AstraZeneca, remite ás decisións da Axencia Europea de Medicamentos e recalca que hai que analizar riscos e beneficios.

Sánchez reitera, así mesmo, que o Goberno traballa coa intención de que, a partir do 9 de maio, xa non se estea en estado de alarma porque se acelera o proceso de vacinación e xa non é necesario o mesmo nivel de restricións. Pero aínda que ese é o escenario previsto, defende esperar a coñecer a evolución dos datos e os posibles efectos neles que pode ter a Semana Santa.

Ante a posibilidade de que algúns territorios soliciten seguir mantendo restricións unha vez que conclúa o estado de alarma, empraza a esperar á evolución dos acontecementos, pero si fai fincapé en que é moi difícil converter algo extraordinario en ordinario.

Sánchez destaca tamén a rendición de contas que foi dando o Goberno en todo momento durante os estados de alarma e lembra que o próximo 14 de abril volverá comparecer no Congreso. Fronte a iso, sinala que lle gustaría saber cantos presidentes autonómicos compareceron nos seus respectivos parlamentos para dar conta da cogobernanza durante a pandemia.