CRTVG

Buscar

O Goberno garante que Ence quedará en Galicia

Publicado o 21/10/2021 20:54

• Ribera estudará a proposta da Xunta de ampliar o porto de Marín para que a pasteira poida quedar en Lourizán

O Consello Consultivo ve "viable" adscribir Ence ao porto de Marín

En case tres horas de xuntanza o presidente da Xunta pediulle a Teresa Ribera que a transición ecolóxica sexa xusta e que non supoña perda de emprego para Galicia. Núñez Feijóo asegura que están en xogo 15.000 postos de traballo na comunidade autónoma. Un dos retos, o de Ence. A ministra comprometeuse a que a pasteira quede en Galicia.

O presidente da Xunta presentoulle un informe xurídico do Consello Consultivo que avala a súa permanencia na ría de Pontevedra, que o Goberno estudará. "Comprometeuse a que quede en Galicia, e iso dános tranquilidade. Veremos se iso se cumpre no futuro. Nós non aceptamos o peche da pasteira".

Pola súa parte, a vicepresidenta Ribera pediu ao presidente Feijóo que "colabore coa empresa na procura de posibles localizacións alternativas e facilite terreos viables para a recolocación da fábrica" de celulosa, explica o Ministerio nunha nota. Ribera tamén trasladou ao presidente galego o compromiso do Goberno de apoiar economicamente o traslado da fábrica e a implantación dun novo proxecto industrial que permita manter o emprego na zona.

Así mesmo, na reunión analizouse a forma de avanzar nas comarcas consideradas de transición xusta e a firma dos protocolos pendentes das Pontes e Meirama, un instrumento xa asinado co resto das autonomías e que permitirá canalizar as axudas ás empresas e municipios que o Instituto de Transición Xusta ten xa listas para publicar antes de final de ano.

Neste sentido, Feijóo pediu incorporar Ferrolterra como comarca afectada polo peche da térmica das Pontes. O presidente da Xunta pediulle que se manteña activa a central pontesa ante posibles eventualidades no sistema eléctrico.

Sobre Alcoa, o presidente da Xunta pide que se estude a compra por parte da SEPI e aumentar a recadación do Goberno por emisións de CO₂ para as electrointensivas. "Trasladounos a disposición do Goberno de utilizar ata un 25 % deses cartos ás electrointensivas, pasar de 179 millóns a 450 millóns", explicou Feijóo. 

Feijóo pediu á vicepresidenta terceira do Goberno volver ao consenso que, segundo el, antes había sobre o lobo ibérico. "Non compartimos a decisión do Ministerio", aseverou o presidente galego. A ministra de Transición Ecolóxica díxolle que teñen 21 millóns de euros para pagar aos gandeiros que teñan perdas. 

O reto demográfico foi outro dos asuntos que trataron na xuntanza. A ministra felicitou a Feijóo pola gratuidade das garderías. O presidente pediulle que o Goberno cofinancie, polo menos, a escolarización do primeiro fillo.

Noticias web

21/10/2021