CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

O Goberno galego presenta a Estratexia de educación dixital 2020

Publicado o 14/09/2017 14:41

O Goberno galego tamén aprobou a Estratexia galega para a educación dixital 2020, que establece un dobre obxectivo para finais desta lexislatura. Un deles é que todo o alumnado do ensino obrigatorio teña acceso á formación en robótica e programación, e o outro é rematar coa fenda de xénero nos estudos da rama tecnolóxica. Para iso, esta nova estratexia para a educación dixital establece unha serie de iniciativas, entre elas a creación do bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía.

A Estratexia galega para a educación dixital 2020 establece as novas medidas co fin de que todo o ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación e para reducir a fenda de xénero nos estudos de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas. O Goberno galego analizou polo miúdo este plan na reunión semanal do Consello. Para o presidente da Xunta é unha folla de ruta que supón "unha importante evolución para o sistema educativo galego'".

Esta folla de ruta pasa por varias medidas. Unha é levar os equipamentos de robótica a 120 centros de primaria neste curso e ofrecer ao profesorado un plan de formación nesta materia. No curso 2020/2021 todos os centros de primaria deberían dispoñer destes equipamentos. Tamén establece a posta en marcha do Bacharelato de Excelencia en ciencias e tecnoloxía. Contan con que haxa 20 centros con esta formación en 2020. Ademais, contempla a creación dos 'Espazos maker', co equipamento específico para fomentar a creatividade e a innovación. No curso 2020/21 queren que haxa estes espazos en 300 centros. Por outra banda, nese mesmo curso prevén estender o libro dixital a 300 centros e máis de 20.000 alumnos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí