CRTVG

Buscar

O Goberno galego aproba este xoves a nova lei do Territorio

Publicado o 04/12/2019 13:31
O Goberno galego aproba este xoves a nova lei do Territorio

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Goberno galego aprobará mañá na súa reunión ordinaria a nova lei de Territorio, ademais dun decreto que regula a masa de frondosas. 

Núñez Feijóo defendeu durante a sesión de control, a preguntas do deputado do Grupo Común da  Esquerda Antón Sánchez, que o seu goberno aposta por unha "Galicia máis verde", que sexa "compatible" co desenvolvemento industrial, mentres que, na súa opinión, o deputado e o seu grupo perseguen unha "Galicia máis pobre". 

Antón Sánchez asegurou, en cambio, que as políticas ambientais "nunca" estiveron entre as prioridades da Xunta, que se entrega "ao negocio privado duns poucos". 

Puxo como exemplos desta "política para o amigos" as recentes sentenzas xudiciais sobre o parque eólico do Iribio ou o "pretendido pelotazo urbanístico" en Mos. 

Tamén criticou que o presidente lle retrucase con leis e decretos aprobados pola Xunta nestes anos e preguntoulle "de que valen" se os incumpre o propio Goberno autonómico. 

Núñez Feijóo insistiu en que á Xunta lle ocupan e preocupan tanto o patrimonio natural como a calidade ambiental, que non son "incompatibles" cos proxectos industriais e enerxéticos, insistiu. 

Ademais da lei e o decreto anunciados para mañá, o presidente galego sinalou que ao longo deste mes de decembro tamén se aprobará unha nova lei de residuos. 

"A vostedes si que lles interesan os modelos económicos dos amigos", asegurou Núñez Feijóo, que afirmou que no grupo parlamentario de Sánchez hai deputados "de acordo co modelo de extorsión do goberno venezolano". "Eu non teño máis amigos que os galegos", concluíu.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí