CRTVG

Buscar

O Goberno francés presenta o controvertido plan para reformar as pensións

Publicado o 11/12/2019 09:36

O Goberno francés vai desvelar nas próximas horas o polémico plan para reformar o sistema de pensións que motivou a folga que desde hai seis días mantén paralizados os transportes no país. O que levanta máis controversia é o novo sistema de cálculo por puntos para as xubilacións no que cada euro cotizado dea os mesmos dereitos a todo o mundo. Un sistema que prexudicaría a sectores como o transporte no que os traballadores agora poden xubilarse con 52 anos. 

É a folga máis grande rexistrada en Francia desde 1995. Na sexta xornada de bloqueos, o número de manifestantes minguou respecto á semana pasada. Con todo, os sindicatos cifraban en 180.000 os manifestantes en París. Seguen suspendidas todas as conexións por ferrocarril con España e Italia e un gran número de voos.

O que piden os sindicatos é que o Goberno retire completamente a reforma das pensións.
O primeiro ministro Edouard Philippe xa adiantou que hoxe que non haberá anuncios máxicos. Porque inda que non hai un texto lexislativo, xa se coñecen as liñas xerais do plan: construír un réxime universal para calcular as pensións. Un proxecto que foi unha promesa electoral do programa reform¡sta de Enmanuel Macron. Un dos seus puntos fortes, e máis controvertidos, é fusionar nun só os actuais 42 reximes especiais de xubilación, son sistemas con condicións específicas, como unha idade de xubilación máis temperá. Pero a reforma tamén contempla un sistema por puntos, segundo o cal, os traballadores acumularán puntos ao longo da súa vida laboral e unha vez alcanzada a xubilación, permitirán calcular a pensión. A oposición pídelle ao Goberno que recúe porque augura que este sistema por puntos pode causar un bloqueo económico.

A principios do ano que vén podería presentarse o texto da reforma ao Parlamento coa intención de ser aprobado a finais de 2020.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/12/2019