O Goberno fretará os avións que "sexan necesarios" para Afganistán
• España ofrécese a acoller afgáns que traballaran para a UE
O segundo avión para repatriar os españois saíu esta mañá de Zaragoza, o primeiro fixérao a última hora da noite. Hai que agardar para saber se os avións viaxarán a Cabul desde Dubai, ou se é posible o establecemento dunha ponte aérea entre Afganistán e os Emiratos para canalizar desde alí as evacuacións. Esta mañá saíu da base aérea de Zaragoza o segundo avión militar do Exército Español con destino a Dubai.
Os ministerios de Defensa e Exteriores son os que están directamente implicados. Di o ministro Fernando Grande-Marlaska que traballan sen descanso para traer canto antes o persoal español, os membros do corpo diplomático e do Ministerio do Interior, pero tamén os cidadáns afgáns que colaboraron con España nestes anos. Poderían ser unhas 400 persoas. Outros países europeos como Francia, Italia e Alemaña xa operaron os primeiros voos de repatriación desde o aeroporto de Cabul.
Desde o PP insisten en criticar que o presidente do Goberno non faga un alto nas súas vacacións e compareza, como si fixeron outros líderes internacionais. Poñen como exemplo o mandatario norteamericano, Biden, ou a chanceler alemá, Angela Merkel.
España ofrécese a recibir afgáns que traballaran para a UE
España ofreceuse aos seus socios da Unión Europea para recibir aos cidadáns afgáns que traballaron para o bloque durante os últimos anos para que despois eles e as súas familias sexan repartidos entre os distintos países do bloque que lles ofrezan visados.
Así o explicou o Alto Representante de Política Exterior da UE, Josep Borrel, ao termo da reunión extraordinaria por videoconferencia dos ministros de Exteriores da UE, na que unha das "principais conclusións" foi tratar con carácter prioritario a evacuación dos europeos presentes no país asiático e dos afgáns que traballaron coa UE.
"Quero agradecer a España que estea preparada para ofrecer un 'hub' para recibir a estas persoas e que despois sexan repartidos entre os diferentes Estados membros que lles ofrezan visados", explicou. "
Non podemos abandonalos e faremos todo o posible para traelos e ofrecerlles refuxio nos Estados membros da Unión Europea", dixo tamén o xefe da diplomacia europea.