CRTVG

Buscar

O Goberno evita cualificar o réxime cubano de ditadura

Publicado o 14/07/2021 15:23

"É evidente que Cuba non é unha democracia".  Así respondía Pedro Sánchez aos inquéritos de PP, Vox e Ciudadanos para que condene o réxime cubano, unha mensaxe que hoxe repetía todo o seu gabinete. Para Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda, "as democracias defíneas os estándares da ONU e os dereitos humanos non se relativizan en ningunha parte do mundo".

Pero os xornalistas seguiron insistindo na pregunta... é Cuba unha ditadura? Noutra entrevista, a vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, tentaba pechar o debate asegurando que "non é produtivo dedicarse a cualificar ou poñer unha etiqueta ás cousas". 

Etiquetas ou "mensaxes un tanto complicados dende o punto de vista da busca de solucións" que a vicepresidenta tereceira, Teresa Ribera, pedía hoxe evitar porque, apuntaban outros membros do Goberno, poderían complicar as relacións comerciais con Cuba. A ministra de Facenda María Jesús Montero aseguraba que o executivo está traballando "por que a democracia abra pasos en todos os países e tamén a protección dos intereses comerciais que ten España en Cuba".

Na mesma liña se manifestaba Reyes Maroto. Para a ministra de Industria, Turismo e Comercio, "o Goberno xa deixou clara a posición" e o que lle compete a ela "é defender os intereses das empresas españolas".
 

Noticias web

14/07/2021