CRTVG

Buscar

O Goberno estudará se os 'vivas' dos Franco en Cuelgamuros infrinxiron a lei

Publicado o 25/10/2019 13:35

O Goberno estuda os 'vivas' proferidos onte polos familiares do ditador durante o acto institucional da exhumación e advirte de que as autoridades poderán abrirlles o correspondente expediente sancionador por incumprir o pactado, se isto infrixe a Lei de memoria histórica. 

A ministra Dolores Delgado asegura que o que se viu onte en Cuelgamuros e en Mingorrubio non é máis que o Estado de Dereito facendo unha homenaxe á democracia.

"Foi unha homenaxe á democracia, á memoria das vítimas, á dignidade democrática. Pódense interpretar as cousas en clave de eleccións ou en clave partidista pero hai que ter sentido de Estado".

Así respondeu aos que acusan o Goberno de espectacularización e exceso de institucionalidade no acto de exhumación. 

"Esa interpretación espero que non responda a que rasquemos ou non votos. Estamos nun momento diferente, no que o Estado, a institución, recobra un espazo que estaba habitado por un ditador", dixo.

Os 'vivas' e a presenza da bandeira co escudo dos Franco cubrindo o féretro serán estudados, segundo fontes de Moncloa. O Goberno analizará a totalidade do acto e contempla a posibilidade de abrirlles un expediente sancionador aos Franco se as autoridades competentes consideran que se infrinxiu algun artigo da Lei de memoria histórica.

As primeiras críticas verbalizábaas o portavoz do PNV: "O que debía ser un acto de reparación converteuse nun acto de exaltación franquista, e nun produto televisivo obsceno", dixo Aitor Esteban.

Tamén, desde Unidas Podemos, Alberto Garzón expresou en Twitter o seu malestar pola propia presenza da ministra no acto, que chegou a cualificar como unha homenaxe ao ditador.

Pablo Iglesias considera que "foi vitoria dos colectivos e asociacións que defenderon a memoria histórica".

Rivera e Casado acusaron o Goberno de tapar os datos do paro e o problema de Cataluña co que consideran un espectáculo televisivo.  

"Aínda que temos a obriga de coñecer o pasado non nos podemos deixar enredar nas súas redes porque onte non é hoxe", declarou o presidente do PP.

Respondeulle Sánchez esta noite desde un mitin en Guadalaxara. Foi un día, dixo, para a historia e a emoción. 

"Os nosos antepasados, esa xente que queremos e botamos de menos, se hoxe visen o que acabamos de facer non me cabe dúbida de que sorrirían. Ou é que alguén máis mercou os argumentos da ultradeireita? Porque hoxe, escoitando a Rivera e Casado, da a sensación de que foi un día de dó", afirmou o presidente do Goberno en funcións.

Noticias web

25/10/2019