CRTVG

Buscar

O Goberno estuda unha reforma do imposto de sucesións

Publicado o 15/04/2021 15:33

O Goberno quere revisar todo o sistema fiscal español, non só os impostos que recada directamente, senón tamén os que ten cedidos ás comunidades autónomas, "para non producir asimetrías no conxunto do territorio ou deixar baleiras de contido algunhas figuras fiscais como aconteceu en algunha comunidade autónoma", asegura María Jesús Montero.

Refírese a ministra de Facenda a dous impostos: o de patrimonio e o de sucesións e doazóns. As diferenzas entre autonomías son abismais. Un asturiano que herde bens por valor de 800.000 euros ten que pagar máis de cen mil en impostos. Ao outro lado da ría, en Galicia, non tributaría nada, porque, na nosa comunidade, as herdanzas de menos dun millón de euros están exentas de pagar.

O Goberno central quere intervir xa o próximo ano. Para María Cadaval, profesora de Economía da USC, a reforma pode pasar pola recentralización do imposto ou por poñer unha base mínima para todas as comunidades autónomas. Uns 470.000 galegos beneficiáronse, nos últimos cinco anos, da rebaixa que aplica a Xunta no imposto de sucesións. Ante unha eventual suba, asesores fiscais, como Juan Carrera, recoméndannos optar pola herdanza en vida antes de que remate este ano.

Non será este o único imposto que cambie. No grupo de expertos que asesora o Goberno está o galego Santiago Lago. Avoga por unha reforma do imposto de sociedades para que as grandes empresas non esquiven impostos e paguen o 25 % dos beneficios. Na súa opinión, "á meirande parte das empresas galegas vailles ben porque xa están cumprindo con isto".

Tamén terán protagonismo os chamados impostos verdes, equiparando, por exemplo, a tributación do diesel coa gasolina. Tamén se prevén modificacións no IVE e nas deducións do IRPF.

Noticias web

15/04/2021