CRTVG

Buscar

O Goberno estuda regularizar a situación dos senegaleses que tentaron axudar a Samuel

Publicado o 13/07/2021 15:23

A Secretaría de Estado de Migracións estuda unha posible regularización da situación dos dous homes senegaleses que tentaron axudar a Samuel Luiz durante a malleira que acabou coa súa vida na madrugada do sábado 3 de xullo na Coruña.   

Así o dixo este martes o delegado do Goberno en Galicia José Miñones: "Esperamos que se poida regularizar en breve a situación, porque se coñece na investigación dos feitos que foron dúas das persoas que intermediaron, ademais cun papel activo, na violenta malleira. E por tanto é un acto de recoñecemento e cremos que é de dereito", explicou.

Miñones confirmou que son dúas persoas orixinarias de Senegal "que non teñen papeis nin a situación regularizada" en España. "E é aí onde queremos actuar para darlles esa posibilidade, como así se prevé na normativa, de que poidan ter ese permiso de traballo", dixo.   

O delegado do Goberno tamén dixo que a Administración "aínda non" se puxo en contacto con estes dous homes para trasladarlles a noticia. Por agora, a Delegación do Goberno enviou o informe correspondente á Secretaría de Estado de Migracións, polo que espera que "en breve" se poida regularizar a súa situación.

Miñones dixo que o propio secretario de Estado Jesús Javier Perea "se interesou presoalmente no caso". Ademais, destacou que foron as propias amigas de Samuel Luiz as que "estiveron solicitando esta posibilidade".

Respecto á investigación, dixo que continúa aberta e baixo o segredo de sumario decretado polo xulgado, sen que haxa "ningunha novidade" tendo en conta que "os principais supostos autores" xa foron detidos e postos ao dispor da xustiza. 

Miñones insistiu en que a Policía Nacional "segue traballando" na investigación coas imaxes das cámaras e as declaracións das testemuñas para determinar se hai novos implicados e proceder, no seu caso, á súa detención.

Resultado da autopsia 

A análise do corpo de Samuel Luiz revela que o mozo foi golpeado no cranio cun obxecto contundente e que foi esganado malia que esta non foi a causa da morte. A brutalidade da malleira que rematou coa vida de Samuel estremece os seus achegados.

"Xamais ningún debe falecer dunha maneira tan brutal. Os pais de Samuel están sufrindo e os pais dos detidos tamén van sufrir, é algo moi difícil para eles, non teñen culpa, pero pedir perdón neste momento é moi importante", sinala Jefferton Ferreira, amigo da familia de Samuel.

 

Noticias web

13/07/2021