CRTVG

Buscar

O Goberno estuda prorrogar ata o 31 de xaneiro as medias que limitan os desafiuzamentos

Publicado o 28/09/2020 18:23
O Goberno estuda prorrogar ata o 31 de xaneiro as medias que limitan os desafiuzamentos


O Goberno estuda prorrogar ata o 31 de xaneiro varias das medidas especiais que o Goberno aprobou no seu día para protexer o dereito á vivenda de persoas en situación de vulnerabilidade por mor da pandemia e que estaba previsto que concluísen ao final deste mes.

Segundo informaron fontes do Goberno, o Consello de Ministros de mañá martes estudará a posibilidade de manter ata o 31 de xaneiro os impedimentos para acometer desafiuzamentos a inquilinos en situación de vulnerabilidade vinculada coa covid-19. Tamén estudará manter por catro meses máis as medidas de aprazamento do pago ou quitas do 50 % do alugueiro ás familias en situación de vulnerabilidade, sempre que os arrendatarios sexan grandes propietarios de vivendas (dez ou máis). 

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que é sobre o que recaen estas competencias, non se pronunciou respecto diso, aínda que fontes doutros departamentos si apuntan nese sentido. Ademais, o Executivo estuda ampliar tamén ata o 31 de xaneiro a posibilidade de que o inquilino esixa unha prórroga de seis meses dos contratos de alugueiro vixentes no momento de declararse o estado de alarma nas mesmas condicións. 

Ditas medidas, destinadas a protexer os máis vulnerables e a evitar subidas abusivas dos alugueiros foron aprobadas, entre outras, no real decreto de medidas económicas do 31 de marzo e prorrogadas por outro real decreto o pasado xullo ata o 30 de setembro. Pola súa banda, a paralización dos desafiuzamentos, que tamén se estende ata o 31 de xaneiro, estaba vixente ata o 2 de outubro. Tamén vencen o mércores outras medidas do denominado "escudo social", como a prohibición dos cortes de subministracións básicas.