CRTVG

Buscar

O Goberno estuda prohibir fumar nos coches privados e nos estadios deportivos

Publicado o 09/05/2019 17:06

O Goberno está estudando prohibir fumar nos coches privados e tamén nos estadios deportivos. É unha reivindicación que algúns colectivos levan moito tempo facendo pero que non acaba de materializarse.

É unha das medidas que quere propoñer o Goberno para combater o tabaquismo que, como sabedes, é a principal causa de morte por enfermidade non só en España, na que morren máis de 50.000 persoas cada ano, senón tamén a nivel mundial.

Un 24,4 por cento da poboación española fuma, unha prevalencia de consumo moi elevada, tal e como se reflicte no documento que está elaborando o Ministerio de Sanidade xunto coas comunidades seguindo as directrices que marca a Organización Mundial da Saúde.
Ademais de considerar os coches e os estadios deportivos espazos sen fume, outras das medidas que se barallan é financiar entre este ano e o seguinte os tratamentos para deixar de fumar.

Esta non é unha reivindicación nova, moitos colectivos antitabaco e e sociedades médicas levan anos loitando por ela, e polo que puidemos comprobar hoxe na rúa, conta tamén co apoio da sociedade.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/05/2019