CRTVG

Buscar

Tres franxas para que non coincidan os paseos de maiores, adultos e menores

Publicado o 01/05/2020 09:31

- Paseos e deporte dos adultos (de 6 a 10 e de 20 a 23 horas)

O Goberno permitirá saír a facer deporte de forma individual e pasear con outra persoa coa que se conviva unha vez ao día a partir do 2 de maio e nunhas franxas horarias determinadas: entre as 6:00 e 10:00 da mañá e entre as 20:00 e 23:00 da noite, anunciou este xoves o ministro de Sanidade, Salvador Illa, asinante da orde que regulará estas prácticas.

O deporte ao aire libre deberá realizarse no mesmo municipio de residencia, mentres que no caso dos paseos non poderá un afastarse a máis dun quilómetro de distancia do seu domicilio. 

- Restrínxese o horario de paseo dos menores de 14 anos (de 12 a 19 horas)

Na mesma orde, restrínxese o horario dos paseos xa permitidos para os menores de 14 anos entre as 12.00 do mediodía e as 19.00 horas (ata agora permítense desde as 9:00 da mañá ás 21:00 horas da noite), co obxectivo de que as persoas autorizadas a saír das súas casas unha vez ao día non se concentren nas mesmas horas

- Dependentes e maiores de 70 anos (de 10 a 12 e de 19 a 20 horas)

No caso das persoas maiores de 70 anos ou dependentes que precisen compañía de coidadores, resérvaselles o horario entre as 10.00 e as 12.00 horas, pola mañá, e entre as 19.00 e 20.00 horas da tarde.

En municipios de menos de 5.000 habitantes non se aplicarán ningunha destas franxas horarias ao considerarse innecesario repartir á poboación para evitar aglomeracións.

As persoas con síntomas compatibles coa enfermidade da COVID-19 ou que se atopen en corentena tras contaxiarse ou por estar en contacto cunha persoa portadora do virus non estarán autorizados a gozar destes paseos nin a saír a facer deporte, precisou o ministro.

Salvador Illa, ministro de Sanidade, insiste en que "non hai que perderlle o respecto ao virus, non está vencido e pedimos que estas medidas de alivio se teñen que poñer en práctica cos principios que sempre dicimos: distancia interpersoal, lavado de mans de hixiene en espazos públicos e privados"

 O ministro responde aos que piden o levantamento do estado de alarma: "O estado de alarma funcionou. Iniciamos o 14 de marzo o estado de alarma cunhas cifras do 35% de novos contaxiados. Hoxe estamos nun 0,6%. O estado de alarma funcionou e é imprescindible mantelo durante a fase de desescalada. Non fariamos ben en confrontar saúde con política ou con economía"

Tamén desde o sábado o executivo autoriza saír da casa para coidar a horta, sempre que sexa no mesmo termo municipal.