O Goberno ofrece o porto español máis próximo pero ao Open Arms parécelle inviable
• Carmen Calvo di que o Goberno non entende que o 'Open Arms' renuncie vir a España
• O Partido Popular acusa a Pedro Sánchez de “dar bandazos” coa decisión de acoller o Open Arms e esíxelle "explicacións"
Pedro Sánchez ofrecera o de Alxeciras como porto de acollida dos migrantes. A ONG dixo que non están en condicións de facer unha travesía tan longa e o executivo propúxolles o porto español máis próximo. Con todo, desde o barco insisten en desembarcar en Lampedusa.
Levaban advertíndoo varios días, e hoxe mesmo, horas despois de que Italia aceptase desembarcar en Lampedusa vinte e sete menores non acompañados, catro dos cento sete migrantes que seguen no barco lanzáronse ao mar nun intento desesperado por gañar a costa. Iso fixo teimar ao fundador de Open Arms na súa chamada de SOS. Dixo o seu fundador: "Que máis necesitamos? Mortos? Os que non morreron no mar teñen que morrer aquí a bordo do Open Arms? Iso é o que necesitamos?
Interpelando asemade a opinión pública e os gobernos europeos, a ONG obtivo resposta do presidente do goberno español, quen lles ofreceu, a través deste chío, o porto de Alxeciras.
Porén, a ONG considérao unha opción inviable, polas novecentas millas de distancia e os seis días de navegación. De aí que, nestoutro chío, insistan na terra que teñen a menos dunha milla e a un cuarto de hora, coma desde hai dezasete interminables días.
"Vergoña. É unha vergoña mundial".
Tras aceptar o desembarco parcial de onte por imposición do seu primeiro ministro, Salvini non se abranda e insiste en que os migrantes son falsos enfermos, falsos menores e falsos refuxiados. Aínda que sexa a custa de ir perdendo na batalla pola opinión pública europea sérvese da crise humanitaria para alimentar unha crise da coalición de goberno e para forzar un adianto electoral en Italia.