O Goberno empeza os trámites para declarar A Palma zona de emerxencia
Antes de retomar a súa axenda e partir cara a Nova York, o presidente do Goberno asistiu a unha nova xuntanza do comité de crise que analiza a evolución do volcán. O Goberno pediulle á banca que poña vivendas baleiras á disposición dos evacuados, e empezou a traballar para declarar A Palma zona de emerxencia.
Pedro Sánchez, presidente do Goberno: "Empezamos a dar os pasos para activar o proceso de declaración de zona de emerxencia. Van ser semanas longas en que teremos que traballar con todas as institucións para poder avaliar os danos. O compromiso do Goberno de España é rotundo".
O presidente canario mantivo contactos coa Unión Europa para poder acceder a fondos de cohesión adicionais. Calcula que os danos serán millonarios.
Ángel Víctor Torres, presidente das illas Canarias: "Os danos van ser moi superiores a 400 millóns de euros, co que as Canarias vanse acoller a estes fondos de solidariedade".
O próximo xoves os reis de España visitarán a illa da Palma e estarán nas zonas máis afectadas pola erupción volcánica. Está previsto que ese día o presidente do Goberno regrese tamén á illa para seguir desde o terreo a evolución do Cumbre Vieja.
Todos os grupos parlamentarios asinaron unha declaración institucional de solidariedade coas persoas evacuadas tras a erupción do volcan Cumbre Vieja. No texto, as forzas politicas trasládanlles o apoio de toda España aos veciños que perderon vivendas, cultivos ou bens baixo a lava. As dúas cámaras salientan o labor coordinado de todas adminstracións implicadas, agradecen o traballo do persoal público despregado na zona e instan o Goberno a manter o máximo esforzo en apoio dos damnificados.