CRTVG

Buscar

O Goberno e Podemos pactan a suba do salario mínimo aos 900 euros en 2019

Publicado o 11/10/2018 15:41

O presidente do Goberno e o líder de Podemos firmaron na Moncloa o pacto para sacar adiante os presupostos do ano que vén. Entre as principais medidas está o incremento do salario mínimo a 900 euros e unha suba de impostos para as rendas superiores a 130.000 euros.

Con esta sinatura dáse o primeiro paso para que España teña novos orzamentos o ano que vén. E de aprobarse traerán consigo as medidas que pactou o Goberno con Podemos.

No lado dos gastos, unha suba do salario mínimo ata os 900 euros xa o ano que vén. A revalorización das pensións co IPC e unha suba mínima do 3% para as máis baixas. Recupérase o subsidio de desemprego para maiores de 52 anos e volverán cotizar as horas extra.

Tamén contemplan máis presuposto para a Lei de dependencia, aumenta a prestación por fillo e igualaranse as baixas de maternidade e paternidade na administración progresivamente. O ano que vén os pais terán 8 semanas. 

En canto á vivenda, haberá máis protección aos inquilinos e abren a porta a que os concellos limiten os prezos dos alugueiros nas zonas máis problemáticas. 

No capítulo dos ingresos, hai unha suba do IRPF para as rendas superiores a 130.000 euros e do imposto de patrimonio ás fortunas de máis de 10 millóns. Tamén se incrementa ao 15% o tipo mínimo no imposto de sociedades. Os bancos pagarán máis un 18, pero finalmente non hai o imposto directo sobre a banca. Si sobre as transaccións financeiras. 

Tamén prevén un plan de axudas continuo para mercar coches eléctricos que estará dotado cos ingresos da suba de tributación ao diésel.

Este é o acordo con Podemos pero non chega para aprobar as contas. O Goberno tamén precisa os votos do PNV, Esquerra Republicana e o PDeCAT.

 

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/10/2018