CRTVG

Buscar

O Goberno e os axentes sociais póñenlle a sinatura á suba do salario mínimo

Publicado o 30/01/2020 11:45

• Mañá abren a negociación da reforma laboral

O Goberno e os axentes sociais póñenlle a sinatura á suba do salario mínimo

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e os axentes sociais asinaron este xoves o acordo polo que se subirá a 950 euros brutos mensuais o salario mínimo interprofesional (SMI) en 2020.

Por parte das organizacións patronais asinaron o presidente de CEOE, Antonio Garamendi, e o de  Cepyme, Gerardo Cuerva, mentres que polo lado sindical foron o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, e o da UXT, Pepe Álvarez.

Os axentes sociais estaban situados á esquerda do presidente do Goberno, que foi o último en asinar, mentres que á súa dereita situáronse o vicepresidente segundo de Dereitos Sociais, Pablo Iglesias, e a vicepresidenta terceira para Asuntos Económicos, Nadia Calviño, ademais da ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz. 

O documento subscrito acorda establecer o SMI en 2020 en 950 euros brutos ao mes en 14 pagas, o que equivale a 13.300 euros brutos ao ano e 31,66 euros brutos ao día con carácter xeral.

Así mesmo, fíxase en 44,99 euros, fronte aos 42,62 euros de 2019, a retribución mínima por xornada legal no caso de traballadores eventuais e temporeiros cuxos servizos a unha mesma empresa non excedan de 120 días anuais.

No documento constátase que a existencia dunha retribución salarial mínima adecuada contribúe a superar situacións de pobreza, reducir desigualdades e propiciar tanto a estabilidade como a cohesión social.

Tamén di que permitirá impulsar o consumo e promover un crecemento económico sostido, sostible e inclusivo, así como aumentar os ingresos do sistema de Seguridade Social mediante un incremento das cotizacións.

Goberno e axentes sociais abren mañá a negociación da reforma laboral

Goberno, patronal e sindicatos comezan mañá a negociar na mesa de diálogo social do Ministerio de Traballo cambios urxentes na normativa laboral, relativos á negociación colectiva -prevalencia de convenios e ultraactividade- e á subcontratación.

Así o indicou a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, na conferencia de prensa posterior á firma do acordo de subida do salario mínimo interprofesional.

Díaz explicou que a mesa técnica de diálogo social que se abre mañá empezará a negociar "os elementos de maior urxencia", como son aqueles que afectan "a negociación colectiva e a  subcontratación".

"Queremos con maior urxencia devolver á negociación colectiva a súa propia voz", dixo a ministra de Traballo, unha "ferramenta que secuestrou" a reforma laboral aprobada en 2012 polo Goberno de Mariano Rajoy.

Máis adiante, e unha vez que leven a cabo estas modificacións lexislativas, dixo Díaz, exporanse na mesa de diálogo social outros asuntos, como os despedimentos e a contratación, "cun achegamento á realidade do século XXI".

Previamente, e de maneira inminente, o Goberno prevé derrogar o artigo 52.d do Estatuto dos Traballadores que permite o despedimento por baixa médica en determinados casos, sen pasar pola mesa tripartita.

A ministra xustificou esta ausencia de negociación cos axentes sociais porque "non se pode dialogar cando hai vulneración dos dereitos fundamentais".

Así mesmo, explicou que este cambio laboral non irá ao Consello de Ministros do martes da semana que vén, porque falta "algún informe administrativo", á vez que asegurou que confía en que se valide no Congreso cos apoios suficientes.

Segundo explicaron os líderes de patronal e sindicatos, o presidente do Goberno comprometeuse tamén a abrir xa en febreiro outras mesas de diálogo social sobre asuntos que afectan o mercado laboral, como a formación, a industria, a transición enerxética e a igualdade.

O presidente da  CEOE, Antonio Garamendi, dixo que o venres os seus equipos "sentan no Ministerio de Traballo para abrir as mesas e establecer o proceso e cronoloxía" destas reunións.
Garamendi non quixo adiantar cal vai ser a postura da patronal nesta negociación, xa que considera que houbo aspectos da reforma laboral que permitiron crear emprego, pero deixou claro que sempre estarán na mesa de diálogo.

Respecto diso, o secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez, dixo que na parte sindical non son inxenuos e que esta negociación non poderá ser tan rápida como a do salario mínimo, á vez que asegurou que "o non acordo tampouco ten que ser un desacordo absoluto".

Álvarez confiou en que en febreiro "se poida situar o marco do diálogo social" en asuntos como a industria, a transición xusta, o prezo da enerxía ou as políticas de igualdade.

Para o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, este foi "un día importante" porque se adquiriu o compromiso do presidente do Goberno de "impulsar un perímetro amplo de concertación social, non só desmonte da reforma laboral, senón tamén de pensións, formación profesional para o emprego, a transición ecolóxica e as políticas industriais".