CRTVG

Buscar

O Goberno e as comunidades optan por non impor máis restricións en Semana Santa

Publicado o 24/03/2021 19:52

• Darias: "Queda nas mans das comunidades aumentar as medidas"

• 64.200 axentes velarán por que se cumpran os peches perimetrais: "Debemos quedar na casa", advertiu Marlaska

• Darias, sobre os tests que demanda a Xunta nos aeroportos: "AENA di que exceden o ámbito competencial"

O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas optaron por non adiantar nin o peche da actividade esencial nin o toque de recollida ás 8 da tarde, pero si se van incrementar os controis de tráfico nos traxectos de curto percorrido.

Estas son as conclusións do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, segundo explicaron a ministra de Sanidade Carolina Darias e o titular de Interior Fernando Grande Marlaska ao termo da súa reunión cos conselleiros autonómicas de sanidade.

Darias sondara varias consellerías para, por exemplo, adiantar o peche das actividades non esenciais a partir das 20 horas, ante a crecente preocupación pola evolución á alza da pandemia. Pero xa ao longo do día, varias autonomías manifestaran o seu rexeitamento a un posible endurecemento das restricións aprobadas o pasado 10 de marzo para a Semana Santa, entre elas, como vén sendo habitual, a Comunidade de Madrid, pero tamén Cataluña.

No lado contrario, Baleares xa o martes aprobou o peche perimetral. Era, con Canarias, das únicas que non o tiñan en vigor pola súa favorable situación. Esta medida prohibe aos seus cidadáns viaxar á Península desde este venres ata o 12 de abril, salvo por motivos profesionais ou forza maior, como ir ao médico. E tamén se posicionou favorable a un endurecemento Castela e León, que mesmo aceptaba adiantar o toque de recollida ás 20:00 horas.

En calquera caso, Darias lembrou que as comunidades autónomas teñen competencias para poder endurecer as restricións, porque o plan acordado o pasado 10 de marzo é un marco de mínimos adaptable á evolución da pandemia, que este mércores rexistrou outro leve ascenso da incidencia acumulada ata os 132 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días.

Só unha comunidade autónoma se mantén por baixo do nivel de risco calculado en 50 casos por 100.000 habitantes nos últimas 14 días. É a Comunidade Valenciana, con 30,2. Nas últimas 24 horas, rexistráronse 320 falecidos, 19 máis que os contabilizados onte martes. O dato positivo achégao a ocupación das UCI, que volve descender, aínda que de maneira moi leve, ao pasar do 18,87 por cento das camas ocupadas a un 18,64.

Na súa comparecencia, a ministra pediu ás comunidades que manteñan as vacinacións durante os días festivos da Semana Santa co obxectivo de retomar "o bo ritmo". A iso contribuirá que España dispón de algo máis de 1.902.000 de doses tras o parón de nove días de vacinación co soro de AstraZéneca, que hoxe se reiniciou unha vez que as autoridades sanitarias a consideraron segura.

Controis de tráfico

Aínda que non se endurecen as restricións, 64.200 axentes da Policía Nacional e da Garda Civil velarán polo cumprimento das medidas vixentes na actualidade, entre elas o peche perimetral das comunidades autónomas para partir do 26 de marzo.

Marlaska anunciou que a Dirección Xeral de Tráfico vai intensificar a vixilancia e o control:  "Seguimos nunha situación excepcional e debemos permanecer na casa e reducir a mobilidade ao máximo".

"Non cabe aínda planificar traxectos de longo percorrido", dixo contundente o ministro, quen deixou claro que a vixilancia se centrará especialmente nas viaxes curtas. E ao non prever que os condutores realicen viaxes longas debido ás restricións á mobilidade, a DXT levantará as que habitualmente impón na Semana Santa e pontes aos vehículos pesados a fin de que poidan circular para poder abastecer os núcleos urbanos nuns días en que o consumo "experimenta cambios", precisou. 

Marlaska referiuse tamén ás críticas que xurdiron os últimos días ante o paradoxo de que os españois estean baixo peche perimetral para trasladarse a outra comunidade autónoma pero os turistas estranxeiros poidan viaxar a España. Esta cuestión responde aos acordos da Unión Europea, debido a que non se suspendeu a libre circulación de persoas, aínda que si se estableceron medidas para garantir a saúde pública que deben respectar os turistas.

A Comunidad de Madrid pediu o control fronteirizo estrito, segundo fontes do goberno rexional, conforme ás cales Cataluña e Baleares tamén se sumaron a esta petición. Precisamente, o Consell de Formentera solicitou ao Goberno que peche o arquipélago aos voos internacionais para evitar que cheguen turistas estranxeiros durante a Semana Santa. 

Tirapuxa entre o Goberno e a Xunta polos tests de antíxenos nos aeroportos

Ás portas da Semana Santa, Galicia aínda non ten autorización para facer cribados en estacións de trens e aeroportos. Alberto Núñez Feijóo di que hai semanas que lle fixeron esta petición á Delegación do Goberno. A resposta foi que se está a tramitar e que ten que aprobalo o Consello de Administración de AENA, que se reúne unha vez ao mes. Sanidade quere implantar canto antes estas probas para reforzar a prevención dos contaxios.

No Goberno central aseguran que a petición da Xunta excede as competencias da comunidade autónoma e recoméndanlle ao Goberno galego que siga os pasos das Canarias e as Baleares.

Noticias web

24/03/2021