CRTVG

Buscar

O Goberno e as comunidades autónomas pactan aprazar a selectividade

Publicado o 17/03/2020 18:38
O Goberno e as comunidades autónomas pactan aprazar a selectividade

O Goberno e as comunidades autónomas trataron hoxe a posibilidade de aprazar a EBAU, coñecida anteriormente como selectividade, debido á cancelación das clases por causa do coronavirus. Pero as probas vanse manter.

A pesar de que aínda é pronto para tomar decisións, segundo afirmou o conselleiro murciano Miguel Motas en declaracións aos medios, acordouse que, "de momento", non se vai eliminar a EBAU, pero "será difícil manter o calendario". Daquela, "moi probablemente, aprazarase". A medida determinarase durante as próximas semanas.

O conselleiro de Emprego, Investigación e Universidades aclarou que hai "coordinación plena" entre as administracións e os reitores para establecer unha nova "pinza temporal" nestas probas.

Ademais, Motas declarou que a directora xeral de Universidades, Josefina García, expuxo na reunión a posibilidade de reducir o temario e que haxa maior "optatividade"; a proposta, segundo o conselleiro, foi "moi ben acollida" e secundada por outras comunidades autónomas.

Así mesmo, creouse un grupo de traballo, no cal a rexión de Murcia pediu estar presente, formado pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, as autonomías e o ministerio do ramo, para coordinar as decisións que se vaian adoptando.

Tras pedir "encarecidamente" aos alumnos que non perdan o hábito de estudo facendo uso das redes telemáticas que se están habilitando, Motas reclamou "tranquilidade", porque "ningún alumno vai perder o curso e garantirase a igualdade de oportunidades en todo o territorio nacional".