CRTVG

Buscar

A falta de consenso das autonomías apraza a decisión sobre o toque de queda

Publicado o 23/10/2020 09:42

• Valencia e Castela e León solicitan restricións de mobilidade nocturna | Apróbase a resposta á pandemia con catro niveis de alerta

• España alcanza un novo récord de contaxios con 20.986 casos novos

 

 

O Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde aprazou a decisión sobre a aplicación dun toque de queda nos territorios máis afectados polo coronavirus a unha próxima reunión deste órgano.

O ministro de Sanidade, Salvador  Illa, recoñeceu este xoves que "non hai aínda un consenso amplo" para aplicar o toque de queda, e por tanto a medida seguirase avaliando coas comunidades autónomas en futuras reunións do Consello Interterritorial.

En conferecia de prensa tras a reunión do Consello Interterritorial de Saúde, Illa precisou que hai unha comunidade autónoma que pediu formalmente a aplicación de restricións á mobilidade nocturna, que se avaliará, que é Castela e León, e outras manifestáronse a favor, pero non detallou cales.

O ministro valorou o grao de confianza de todos os que forman parte do Consello, no que as discusións son "moi francas e moi amplas", o cal é un requisito para tomar as mellores decisións nun contexto "francamente complexo".

Illa insistiu en que cada conselleiro manifestou "con moita franqueza" a súa opinión sobre o toque de queda e explicou que non se estudou cal é o instrumento xurídico adecuado para implementar esta medida, daquela, o debate centrouse en se era ou non adecuada: "Emprazámonos para seguir estudándoa", manifestou. 

Sanidad e e as comunidades autónomas aproban os catro niveis de alerta con criterios comúns de actuación

O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas acordaron este xoves que nas zonas de máis incidencia de casos de coronavirus se limite ata as 23:00 horas a apertura de todos os establecementos non esenciais, como bares e tendas, e que se recomende aos seus habitantes saír de casa "só o necesario".

Así o plasmaron no documento "Actuacións de resposta coordinada para o control da transmisión de COVID−19", aprobado no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

O documento sinala que os principais ámbitos de transmisión dos casos se producen, a maioría, en reunións de familiares e amigos, e con iso "considéranse eficaces" medidas como a limitación do número de persoas nas reunións, sobre todo en interiores.

Tamén é eficaz relacionarse "en burbullas sociais estruturadas en grupos de convivencia estable" ou permanecer no domicilio salvo o estritamente necesario.

Aconsella, ademais, promover todas aquelas actividades que se poidan realizar ao aire libre e promover o peche ou a redución de capacidade dos establecementos en que non se poida garantir unha adecuada ventilación e un cumprimento das medidas de prevención e hixiene.

En calquera caso, a decisión sobre que medidas e cando aplicalas será das comunidades, aínda que deben informar antes da súa implantación ao Ministerio.

Oito indicadores para calcular o risco

A proposta de Sanidade establece dous bloques con oito indicadores de avaliación do risco, con ata cinco niveles: nova normalidade, baixo, medio, alto e extremo.

O primeiro bloque avalía o nivel de transmisión, que se calculará en función de seis dos indicadores: a incidencia acumulada por 100.000 habitantes en 14 días, a mesma incidencia pero referida á poboación maior de 65 anos, a porcentaxe de positividade das probas diagnósticas e a de casos con trazabilidade.

Mentres, o segundo mide a capacidade asistencial cos outros dous marcadores, a ocupación de camas covid e das UCI.

A cada un destes escenarios asígnaselle un dos cinco niveles de risco. O máis baixo é o da nova normalidade, con incidencias acumuladas inferiores a 25 en 14 días, e o máis alto o risco extremo, en que se superan os 250 casos por cada 100.000 habitantes, unha cifra que se reduce a 125 nos maiores de 65 anos.

Pero ademais, neste nivel extremo teríase que dar unha positividade do 15 por cento e unha  trazabilidad do 30 %, xunto cun nivel de ocupación hospitalaria por coronavirus de 15 por cento das camas e as UCI ao 25 %.

Todas estas cifras vanse reducindo progresivamente a medida que a avaliación do risco é menor, de forma que cando é alta, a incidencia a 14 días pasa a ser de entre 125 e 250; a positividade, do 10 % ao 15 %; a trazabilidade, do 30 % ao 50 %; a presión hospitalaria, do 10 % ao 15 %, e a das UCI, do 15 % ao 25 %.

Naquelas situacións en que se teñan que avaliar unidades territoriais de menos de 10.000 habitantes, poderanse realizar agrupacións en territorios como áreas de saúde, xerencias de atención integrada, comarcas, etc., para a análise e toma de medidas conxuntas.

Para os territorios pequenos, especialmente de menos de 5.000 habitantes, ademais destes indicadores xerais teranse en conta outros criterios, como o número, a tendencia e a velocidade de cambio dos casos diagnosticados nos últimos sete e 14 días ou a proporción de casos novos asociados a gromos.

Catro niveis de alerta

O resultado dos indicadores colocará o territorio nun nivel de risco que se corresponde con catro niveis de alerta, cada un dos cales ten asociada unha serie de medidas.

Se un territorio é declarado no nivel 4, ademais das restricións do nivel 3, adoptaranse "medidas excepcionais, tras unha avaliación específica da situación, que poderán incluír a limitación da mobilidade das persoas, peches perimetrais ou outras restricións do movemento".

Nivel 1: polo menos dous indicadores do bloque I e un do bloque II están en nivel baixo e o resto de indicadores en nova normalidade.

Nivel 2: polo menos dous indicadores do bloque I e un do bloque II están en nivel medio e o resto de indicadores nun nivel inferior.

Nivel 3: polo menos dous indicadores do bloque I e un do bloque II están en nivel alto e o do resto de indicadores nun nivel inferior.

Nivel 4: polo menos dous indicadores do bloque I e un do bloque II están en nivel moi alto e o resto de indicadores nun nivel inferior.

As medidas

NIVEL 1

- Relacionarse en burbullas sociais estruturadas en grupos de convivencia estable, sen reunións de máis de 15 persoas e con restrición de viaxes non esenciais fóra da unidade territorial avaliada.

- As ocupacións non deberían superar o 75 % (ata un máximo de 50 persoas) en espazos pechados para velorios, enterros e cerimonias fúnebres e doutro tipo, como vodas e bautizos, sen limitacións ao aire libre. A mesma capacidade reserva, cun máximo de ata dez persoas por mesa —15 se é en exteriores—, para os interiores de establecementos de restauración e hostalería, salas de bingo, casinos, salóns recreativos e de xogos e locais específicos de apostas. Mantén o peche das discotecas.

NIVEL 2

- Restrinxir as viaxes non esenciais fóra da unidade territorial avaliada.

- Prohibición do consumo en barra e redución do 50 % da ocupación en interiores de locais de restauración e hostalería, o mesmo que para as zonas interiores de instalacións e centros deportivos, aínda que nestes dous últimos casos prevé o seu peche se non se pode garantir a seguridade e ventilación.

- Reunións dun máximo de dez persoas e fomento do teletraballo son outras das medidas incluídas, e tamén a recomendación de permanecer no domicilio.

- Restricións do 50 % da capacidade en enterros e velorios en espazos pechados (máximo 30 persoas) e non hai limitacións en espazos abertos sempre que se poida garantir a distancia; as mesmas recomendacións que para outras cerimonias como vodas e bautizos.

Para os lugares de culto, redúcese á metade a ocupación máxima e en espazos pechados. "Ofrecer servizos telemáticos ou por televisión", acórdase.

NIVEL 3

- Limitar a un máximo de seis as congregacións de persoas e a "avaliación" de limitación de horarios de apertura ao público de ata as 23 horas nos establecementos en servizo non esencial.

- Respecto ao interior de locais de restauración e hostalería, a autoridade sanitaria estimará o peche, e na súa falta reducirá a ocupación o máximo posible; o mesmo que indica para establecementos como salas de bingo, casinos ou locais de apostas.

- Pero tamén recomenda saír do domicilio "só o necesario", avaliar a limitación de entradas e saídas da área territorial salvo actividades esenciais e acudir ao traballo de maneira "excepcional" para actividades ou reunións precisas.

- Canto aos velorios e enterros, limitar a ocupación a un terzo en sitios pechados (máximo dez persoas) e 20 asistentes máximo en espazos abertos. Sobre outras cerimonias como bautizos ou vodas, aposta por aprazalos se é posible; con todo, establece limitacións de asistencia.