CRTVG

Buscar

Goberno e Xunta propóñenlle a Alcoa adiar o ERE para negociar a venda da factoría

Publicado o 11/08/2020 20:39

A Xunta e o Goberno central trasladáronlle xa a proposta á dirección de Alcoa e ao comité de empresa, que deberán reunirse para ratificala antes deste xoves, 13 de agosto.

Suporá retomar as negociacións, que quedaron rotas a semana pasada. As dúas administracións propoñen adiar o ERE ata o 28 de setembro, un período en que Alcoa debe comprometerse a manter a actividade industrial na fábrica e a negociar a venda da factoría ao grupo británico Liberty House, que ten unha oferta enriba da mesa.

Francisco Conde, conselleiro de Industria: "Hoxe abriuse unha oportunidade para a que necesitamos que Alcoa e o comité ratifiquen a súa predisposición a prorrogar o periodo de consultas do ERE e se abra un novo tempo para a factoría".

A proposta inclúe a principal reinvindicación do comité de empresa: que non se pechen as cubas de electrólise.

José Antonio Zan, presidente do comité de empresa: "Nin nos podemos permitir nin imos permitir que se pechen as cubas, e que se condene A Mariña lucense a volver aos anos 70".

Pendentes de confirmar a data da nova reunión entre Alcoa e o comité, Xunta e Goberno ven posibilidades de retomar o diálogo e vontade de chegar a un acordo para salvar a planta e os postos de traballo.


 

Noticias web

11/08/2020