CRTVG

Buscar

O Goberno discrimina a pesca deportiva, na opinión do catro veces campión do mundo David Arcay

Publicado o 10/05/2020 14:10

En 2013, David Arcay recibiu esta medalla, a máxima distinción que concede o Comité Olímpico Español. Un ano antes o coruñés convertérase no campión do mundo de pesca con mosca máis novo da historia. Despois virían outros tres títulos mundiais por equipos. Sente que o seu deporte está sendo maltratado. "Realízase ao aire libre de forma individual. Xa por lei tes que gardar unha distancia mínima de dez metros entre pescador e pescador. Non entendemos que se utilicen para outros deportes os mesmos escenarios que utilizamos nós para practicar o noso e que non poidamos ir a unha praia na que poden pasaer grupos de dez persoas e nós non poidamos pescar de forma individual".

Fala de discriminación e de falta de respecto. Considera que non hai razóns sanitarias que xustifiquen a decisión do Goberno que, contra o criterio da Xunta, prohibiu expresamente a práctica da pesca deportiva durante a fase 1. "Eu como deportista de alto nivel estes días que a Xunta o permitiu podía ter mobilidade para pescar por toda a provincia, pero en solidariedade cos meus compañeiros pescadores decidín non facelo e esperar a que todos puidésemos pescar".

Contaba con poder facelo a partir deste luns, pero a espera prolongarase. Alerta do impacto económico da medida. Os meses fortes para as tendas de pesca son precisamente estes que tirou por terra o estado de alarma.
 

Noticias web

10/05/2020