CRTVG

Buscar

O Goberno di que asume o custo dos indultos e pídelle liderado a Aragonés

Publicado o 31/05/2021 08:51

O Goberno tomará a decisión sobre os indultos dos presos do procés previsiblemente despois das primarias do PSOE andaluz, a mediados de xuño. Serán temporais e reversibles. Na Generalitat pídenlle a Sánchez valentía e que inclúa a amnistía como parte da resolución do conflito. O PP anuncia mobilizacións para impedir os indultos. 

Os indultos que prepara o Goberno estarán condicionados para evitar que os tombe o Supremo: anularanase se os presos volven violar a lei. Segundo medios españois que citan fontes do ministerio, Xustiza planea reformar o delito de sedición e sopesa manter a pena de inhabilitación e perdoar só os anos necesarios para a excarceración. No Goberno, din estar dispostos a asumir o custo de conceder esta medida de graza, pero reclaman liderado ao president Aragonès.

José Luís Ábalos, ministro de Transportes e secretario xeral do PSOE: "Asumimos o custo no Goberno. Deben facelo tamén en Cataluña. Asumir o liderado de explicar as cousas tal cal son, non xerar máis espellismos nin frustracións, ofrecer unha folla de ruta transitable. E poder volver pór en marcha a mesa de diálogo".

Na Generalitat, instan precisamente ao Goberno a que reúna a mesa de diálogo antes das vacacións e que vaia máis alá dos indultos, que o dereito da autodeterminación e a amnistía teñen que ser os dous eixos da negociación.

Jordi Puignero, vicepresidente da Generalitat: "A mesa de diálogo ten que traballar para deter a represión, e a única maneira de conseguilo é a amnistía. Os indultos non resolven o conflito. Hai un recoñecemento de Cataluña como suxeito político e a defensa de autodeterminación".

O Partido Popular anuncia unha ofensiva parlamentaria e institucional contra os indultos e tamén mobilizacións na rúa.

José Luis Martínez-Almeida, voceiro nacional do PP: “É ridículo dicir que o indulto é reversible. En España quen comete un delito ten que acabar no cárcere”.

Os populares acudirán á manifestación do 13 de xuño contra os indultos, á que tamén asistirá Ciudadanos.

Edmundo Bal, vicesecretario xeral de Ciudadanos e portavoz adxunto no Congreso: "Son unha afrenta para todos os españois e en particular unha humillación para os cataláns que viviron silenciados pola doutrina do pensamento único nacionalista".

Para o PNV, os indultos son necesarios pero non suficientes. O presidente Andoni Ortuzar pídelle a Sánchez que aproveite para abordar o problema territorial.

Noticias web

31/05/2021