CRTVG

Buscar

O Goberno di que as súas medidas "xa empezan a ter efectos nas facturas da luz"

Publicado o 01/10/2021 14:35

A electricidade acada este venres o prezo máis alto da historia. O megawatt hora págase a 216 euros de media. A franxa máis crítica está entre as nove e as once da noite, en que o megawatt chega aos 230 euros. Xa onte se superara esa barreira dos 200 euros, pero é que nesta xornada incrementouse 16 euros máis. Se o comparamos con hai un ano, a tarifa multiplicouse por máis de cinco. España rexistra hoxe o prezo máis caro de toda Europa. Para mañá descende ata os 173 euros e aínda así será o segundo sábado co prezo máis alto.

Fronte a estas cifras, o Goberno insiste en que as medidas adoptadas van frear o impacto nos recibos dos fogares. Segundo a ministra de Industria, Reyes Maroto,"xa empezan a ter efectos nas facturas".

O plan de choque do Goberno bateu de fronte coas compañías eléctricas. O presidente de Iberdrola cualifica algunha das medidas adoptadas de "unilateral, intervencionista, inxustificada".

Precisamente Iberdrola é unha das empresas eléctricas que asina unha carta remitida á Comisión Europea pedindo que se anule o decreto aprobado polo Goberno español. Piden solucións a nivel comunitario. Para Ignacio Sánchez Galán "o que non pode ser é que cada país vaia polo seu camiño e, á primeira pequena tormenta que pode haber, cada país buscar solucións, porque isto desestabiliza completamente todo o sistema" e pídelle ao Goberno "rigor na análise, non quentamentos puntuais".

Tamén o Goberno acudiu a Bruxelas cunha proposta: comprar conxuntamente gas para conseguir mellores prezos.

Noticias web

01/10/2021