O Goberno destinará 7.000 millóns a axudas directas para as empresas
O Goberno inxectará 7.000 millóns de euros nos sectores máis afectados pola pandemia, dos que 2.000 irán para as Canarias e as Baleares.
As axudas, que non se terán que devolver, van dende os 3.000 euros para os autónomos que tributan por módulos ata os 200.000 para o resto de empresas. Para acceder a elas, teñen que demostrar que a súa facturación caeu polo menos o 30% por culpa da pandemia. Os cartos que reciban terán que usalos para pagar custos fixos, como o alugueiro ou a luz, e as débedas con provedores.
Nun prazo de 40 días, o Goberno transferirá estes fondos ás comunidades autónomas, que serán as encargadas de xestionar as axudas baixo o control da Axencia Tributaria. O plan tamén inclúe 3.000 millóns para axudar as empresas a reestruturar coa banca os créditos que pediran, e outros mil máis, para recapitalizar compañías, a través da sociedade estatal Cofides.
A vicepresidenta terceira admite que chegan nun momento en que se ve unha clara ralentización da economía neste primeiro trimestre, "unha ralentización que é común a todos os países europeos", apuntou Nadia Calviño.