CRTVG

Buscar

O Goberno despenalizará os excesos verbais en actividades artísticas e culturais

Publicado o 08/02/2021 21:49
O Goberno despenalizará os excesos verbais en actividades artísticas e culturais

O Ministerio de Xustiza exporá unha revisión dos delitos relacionados con excesos no exercicio da liberdade de expresión, de tal maneira que os labores no contexto de manifestacións artísticas, culturais ou intelectuais non teñan un castigo penal. 

O Goberno informou de que levará adiante esta proposta despois de que a Audiencia Nacional ordenara o ingreso en prisión do rapeiro Pablo Hasél para cumprir unha condena de nove meses de prisión por enaltecemento de terrorismo e inxurias á monarquía.

Segundo informou Moncloa, o Ministerio de Xustiza exporá unha revisión dos delitos relacionados con excesos no exercicio da liberdade de expresión para que só se castiguen condutas que supoñan claramente a creación dun risco para a orde pública ou a provocación dalgún tipo de conduta violenta, con penas disuasorias, pero non privativas de liberdade. 

Na súa proposta, Xustiza, considerará que aqueles excesos verbais que se cometesen no contexto de manifestacións artísticas, culturais ou intelectuais, debesen permanecer á marxe do castigo penal. Unha decisión que adopta o Goberno ao entender que o dereito penal nin é a ferramenta máis útil, nin é necesaria, nin é proporcionada para responder a determinados comportamentos.

En concreto aos comportamentos que, aínda podendo rozar a ilicitude, o seu castigo penal supoñería un desalento para a liberdade de expresión tal e como declararon o Tribunal Constitucional, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, a Unión europea e a maior parte da doutrina española.

Hasél foi condenado en 2014 a dous anos de cárcere por enaltecer nas súas cancións o terrorismo de ETA, os Grapo, Terra Lliure ou Al Qaeda, pero a Audiencia decidiu en setembro de 2019 deixar en suspenso a súa execución durante tres anos. En 2018 volveu ser xulgado polo mesmo delito e outro de inxurias á monarquía e ás forzas de seguridade. Aínda que nun principio o condenaron a dous de anos de prisión, a Audiencia rebaixou a pena a nove meses de cárcere, que o pasado xuño ratificou o Tribunal Supremo.