CRTVG

Buscar

O Goberno di que paralizar a ampliación de El Prat non é unha chantaxe a Aragonès

Publicado o 09/09/2021 16:30

O Goberno, en boca da súa voceira Isabel Rodríguez, negou este xoves que, como denuncia o president catalán, chantaxease a Pere Aragonès coa ampliación do aeroporto de El Prat e apunta que "talvez non sexa capaz de explicar como deixou escapar para a súa terra un investimento de 1.700 millóns de euros".

A portavoz do Executivo expresou este xoves o descontento do Goberno de Pedro Sánchez pola falta de apoio da Generalitat, que levou a dar marcha atrás ao investimento. "Non nos gustou ter que adoptar esta decisión", afirmou.

Ademais, defendeu a ampliación de El Prat como "un proxecto transformador de país, pero tamén de Cataluña, e xerador de emprego nun marco de desenvolvemento sostible".

Pola súa parte, a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana Raquel Sánchez descartou este xoves que a ampliación do Aeroporto de Barcelona-El Prat se poida retomar nesta lexislatura. "É unha oportunidade perdida", lamentou.

Nunha entrevista na Cadena Ser, Sánchez sinalou que "nestas condicións" non poden levar o proxecto ao Consello de Ministros do 28 de setembro, data límite segundo a ministra, para aprobar o Documento de Regulación Aeroportuaria (DOURA), que inclúe os investimentos para o período 2022-2026. Segundo estes prazos, a obra de ampliación culminaría en 2031.

"Evidentemente, non hai marxe para facelo nesta lexislatura, é unha oportunidade que perdemos", indicou a ministra, que considera que se sae "perdendo" coa cancelación e que todas as administracións e grupos políticos deberían estar "centrados" na recuperación económica.

A ministra responsabilizou da paralización do investimento o cambio de criterio do Govern da Generalitat, segundo ela, despois de selar un acordo co vicepresidente Jordi Puigneró (Junts), presentado o pasado 2 de agosto. Así, sinalou que a cancelación estivo motivada polas manifestacións do presidente da Generalitat Pere Aragonès (ERC), e de parte do goberno catalán, nas que viron que a posición non era "madura" e non existía un "consenso nítido", xa que se crebaron os termos do acordo.   

Ademais, apuntou o feito de que membros do Executivo catalán dixesen que asistirían á manifestación contra o proxecto demostra que "non ten ningún sentido" afirmar que "é o momento de levalo a cabo".

Aragonès fala de presións ao Govern

O presidente da Generalitat Pere Aragonès cualificou este xoves á mañá de "manobra de presión ao Govern" a decisión anunciada polo Goberno central. 

Aragonès, en conferencia de prensa desde o Palau da Generalitat, afirmou este xoves que non renuncia ao investimento para ampliar o Aeroporto de Barcelona, pero avisou de que se debe facer con consenso e que non aceptará a "manobra de presión" do Goberno central.

Defendeu que é posible mellorar a infraestrutura sen afectar a contorna natural da Ricarda e pediu volver ao acordo entre ambos os gobernos do 2 de agosto, que, segundo el, establecía que a ampliación se concretase no plan director nos próximos dous anos, e non no DOURA durante setembro.   

Tamén afirmou que isto non afectará á mesa de diálogo prevista para a semana que vén: "A semana que vén non iremos discutir de infraestruturas", senón que falarán sobre como solucionar o conflito catalán. "Non só non afecta, senón que imos con máis forza que nunca", afirmou. "Hai xente que quere que a mesa de negociación fracase. Por min non vai ser", apuntou Aragonès, quen engadiu que "non renunciará" a reclamar a autodeterminación e a amnistía "polo boicot do Goberno a unha ampliación sostible de El Prat".

Noticias web

09/09/2021