CRTVG

Buscar

O Goberno desbota eliminar a peaxe de Redondela alegando razóns de mobilidade

Publicado o 30/08/2021 15:36

O Goberno desbota definitivamente sacar a peaxe de Redondela para todos os usuarios da autoestrada AP-9. Din que non se trata dun tema exclusivamente económico, e afirman que a pesar de que non custaría moito engadir a eliminación desta peaxe na partida de bonificacións para toda a AP-9, decidiuse non incluíla por razóns de mobilidade.

Dende o Ministerio de Transportes recoñecen que a gratuidade para todos os condutores era unha promesa realizada en 2018 polo Goberno de Mariano Rajoy, pero afirman que varios informes revelan que a eliminación da peaxe en Redondela podería provocar colapsos na autoestrada. Algo que asociacións de veciños e usuarios consideran absurdo.    

Trátase dun novo varapau para uns veciños que levan anos reivindicando a eliminación da peaxe e que non poden ocultar a súa indignación. Séntense discriminados.

Manterase a gratuidade só para os vehículos pesados e os lixeiros que fagan a ida e a volta en menos de 24 horas e porten dispositivo de telepeaxe, pero non para o resto. Os condutores considérano inxusto.

O Goberno central alega que a eliminación da peaxe provocaría colapsos en Vigo, o que os usuarios cualifican de absurdo.

Os veciños afirman que seguirán mobilizándose para pedir unha rectificación por parte do Ministerio de Transportes.

Noticias web

30/08/2021