CRTVG

Buscar

O Goberno desbloquea un cuarto tramo de avais ICO para pemes e autónomos por 20.000 millóns

Publicado o 19/05/2020 18:36
O Goberno desbloquea un cuarto tramo de avais ICO para pemes e autónomos por 20.000 millóns

O Consello de Ministros aprobou un novo tramo de 20.000 millóns de euros da liña de avais do Instituto de Crédito Oficial (ICO) destinada a mitigar o impacto da crise da COVID-19 no tecido produtivo español, garantindo que a liquidez chegue a empresas e a autónomos. Así o confirmou a ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, durante a conferencia de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros celebrada este martes, en que avanzou que ata o pasado domingo, 17 de maio, o ICO aprobara 394.543 operacións de financiamento, por importe avalado de 38.631 millóns de euros, co que o fluxo de crédito canalizado ascende a 50.822 millóns de euros.

O 98% do total de operacións (387.039 préstamos aprobados) concéntrase en pemes e autónomos, para os que o importe avalado ata a data é de 26.992 millóns e o financiamento recibido sobe a 33.804 millóns de euros. As grandes empresas recibiron máis de 17.000 millóns de euros en financiamento, a través de 7.504 operacións avaladas con 11.638 millóns de euros.

En canto ao novo tramo de 20.000 millóns de euros aprobado este martes, nesta ocasión estará dirixido integramente a facilitar liquidez a autónomos e pemes. O aval garante o 80% dos novos préstamos e renovacións de operacións solicitadas por autónomos e pemes e ten unha vixencia igual ao prazo do préstamo concedido, cun máximo de cinco anos.

Trátase da cuarta liña de garantías públicas que aproba o Executivo, co que o importe conxunto se eleva a 80.000 millóns de euros sobre o total de 100.000 millóns de euros dispostos, dos que 60.000 millóns se reservaron para autónomos e pemes.


O Goberno anticipa 7 millóns de euros de axudas para o sector cultural

O Consello de Ministros aprobou hoxe martes o adianto dunha liña de axudas directas do Ministerio de Cultura e os seus organismos por un importe de máis de 7 millóns de euros que irán destinados a diversas entidades e institucións culturais como o Festival de Sitges ou o Teatro da Abadía de Madrid.

Adiántase así este ano unha parte das axudas que o Ministerio de Cultura e Deporte outorga anualmente para apoiar as principais entidades e institucións culturais españolas. Un avance que, segundo expresou na súa conta de Twitter o ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, se suma ao investimento orzamentario de 76,4 millóns de euros que realiza tamén este departamento, á inxección de liquidez e financiamento económica para este sector de 780 millóns de euros a través da sociedade CREA SGR, e ás axudas á distribución a longametraxes e curtas, por valor de 2,5 millóns de euros que publica hoxe o BOE.

Noticias web

19/05/2020