CRTVG

Buscar

A Xunta estuda unirse á avogacía do Estado para reclamar a titularidade pública do Pazo de Meirás

Publicado o 12/07/2019 09:29

A Xunta de Galicia estuda presentarse na reclamación emprendida pola Avogacía do Estado para reclamarlle á familia Franco o pazo de Meirás. O presidente, Alberto Núñez Feijóo, celebra a concordancia cos criterios xurídicos do Goberno galego. Os informes presentados polos avogados do Estado no xulgado de instrución número 1 da Coruña demostrarían que a compra do pazo foi simulada e fraudulenta.

"A escritura de compravenda do Pazo de Meirás é un texto simulado e completamente nulo que tiña por finalidade que Franco e os seus herdeiros se fixesen coa posesión do inmoble a título individual". Esa é a conclusión do informe da Avogacía do Estado, que foi presentado esta semana no xulgado de Instrución número 1 da Coruña.

Carmen Calvo, vicepresidenta do executivo en funcións informou de que "este goberno está disposto, coas armas da legalidade, a defender que o pazo de Meirás é titularidade pública do Estado, que nunca foi outra a súa titularidade; e cos argumentos, razóns e documentos estamos xa nos tribunais para pelexar, en nome de todos os españois, a titularidade pública do pazo de Meirás".

O propio presidente do Goberno explicaba onte que a Avogacía do Estado conta con documentos xurídicos sólido:  "Porque (os Franco) actuaron contra dereito, así de claro", dixo Pedro Sánchez.

O presidente da Xunta tamén expresa en Twitter a súa satisfacción pola concordancia entre a Avogacía do Estado e os servizos xurídicos da Xunta, que barallan sumarse á reclamación, en liña coa vontade expresada xa polo Parlamento galego en 2018. "O importante é recuperar o pazo e entendemos que esa propiedade debería ser de Patrimonio do Estado, e como nós non somos Patrimonio do Estado, pois imos instar a Patrimonio que active esa reclamación", explicara daquela o presidente do Executivo galego. Fixo estas declaracións tras a análise dos documentos xurídicos achegados e analizados por historiadores e tamén pola Deputación da Coruña.

A Xunta xa lle recriminara aos Franco o incumprimento dos réximes de visita a Meirás. A usurpación do inmoble fora denunciada por parlamentarios europeos da memoria histórica, polo Bloque Nacionalista Galego e por diversas organizacións da sociedade civil.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/07/2019