CRTVG

Buscar

O Goberno defende os efectos do estado de alarma que o Constitucional declarou ilegal

Publicado o 15/07/2021 15:13

A decisión do Tribunal Constitucional de declarar ilegal o confinamento sobrevoou a homenaxe de Estado ás vítimas, aínda que, oficialmente, o Goberno evitou falar do asunto.

A voceira do executivo Isabel Rodríguez pedía: "Que ningún debate xurídico, por importante que sexa, que este éo, sen dúbida, embace o que foi un acto emotivo e o recordo ás nosas vítimas".

Si falou nunha radio a ministra de Defensa. Margarita Robles argumenta que "o confinamento era absolutamente imprescindible para salvar vidas" e "dóese" de que o TC entrase en "elucubracións doutrinais" que "non deberían plasmarse na sentenza".

No PP consideran "moi preocupante que o Goberno de España poña en dúbida as sentenzas do Tribunal Constitucional". Pablo Casdo pediulle a Pedro Sánchez negociar unha lei de pandemias. "Se non o fai, terá que explicar por que, porque as homenaxes están moi ben pero os médicos, ademais de aplausos, queren protección".

Tamén se pronunciaron varios presidentes autonómicos: os socialistas, defendendo o estado de alarma. Para o canario Ángel Víctor Torres, "estando nunha situación dramática, o Goberno de España fixo o que tiña que facer, o que fixeron o resto de gobernos europeos" e manifestou que non comparte a sentenza.

Para os do PP, a sentenza pon en evidencia a necesidade dun marco xurídico. O presidente da Xunta de Andalucía cre que "pon en xaque, en solfa, gran parte das decisións que se tomaron". Juan Manuel Moreno Bonilla volveu reclamar seguridade lexislativa para que as comunidades autónomas poidan tomar medidas contra a pandemia.

Noticias web

15/07/2021