CRTVG

Buscar

O Goberno defende o rei: "En ningún momento vulnerou a neutralidade"

Publicado o 29/09/2020 18:25

 A portavoz do Goberno, María Jesús Montero, defendeu este martes a figura de Filipe VI e asegurou, ante as críticas dos ministros Pablo Iglesias e Alberto Garzón, que o rei "en ningún momento vulnerou a neutralidade constitucional e democrática que lle esixe a lei".

Montero fixou esta postura ante a acusacións de Iglesias e Garzón ao monarca pola chamada que fixo ao presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), Carlos Lesmes, para transmitirlle que lle "gustaría" estar no acto de entrega de despachos aos novos xuíces celebrado o pasado venres en Barcelona, despois de que o Executivo acordase a súa ausencia.

"O xefe do Estado, e queremos agradecelo, sempre sempre respecta a neutralidade democrática e institucional que lle esixe o cumprimento da lei", remarcou Montero na conferencia de prensa no Palacio da Moncloa ao termo do Consello de Ministros.

Segundo a portavoz do Executivo, a conversa que don Filipe mantivo con Lesmes foi "unha chamada de cortesía" que "ten que quedar no terreo da discreción". Montero opinou que as críticas de Garzón e Iglesias de que o rei incumpriu a neutralidade e manobrou contra o Goberno responden as opinións persoais de "dúas persoas concretas" do Executivo cuxo partido, Unidas Podemos, mantén posicións distintas sobre a Coroa

Noticias web

29/09/2020